Unha furgoneta percorrerá todos os concellos da provincia -agás Pontevedra e Vigo- para informar a cidadanía sobre os beneficios que supoñen as comunidades enerxéticas.
É a oficina móbil da Oficina de Transformación Comunitaria que a institución provincial abriu no polígono de Barro para informar, asesorar e acompañar os proxectos para a produción e autoconsumo enerxético en todo o territorio.
Con esta oficina móbil, 100% eléctrica, buscan informar á veciñanza sobre que son as comunidades enerxéticas, cales son os seus beneficios e como se poñen en marcha.
Ademais, acompañarán aos interesados en todo o proceso ata completar a posta en funcionamento das respectivas comunidades.
Luis López, na súa presentación, destacou que este é un proxecto que "reflicte á perfección" o espírito do seu goberno, "o compromiso co municipalismo", xa que defendeu que estas comunidades enerxéticas "van chegar a toda a veciñanza viva onde viva".
Destacou que esta oficina "vai ser un éxito e os proxectos vanse multiplicar", avanzando así no obxectivo de "mudar a maneira de consumir e producir enerxía".
Esta iniciativa enmárcase nun proxecto "transversal" impulsado pola Deputación e que leva o nome de +Renovables.
Dotado con 750.000 euros, dos que medio millón son fondos europeos, está deseñado para avanzar na sustentabilidade e na modernización de todo o territorio.