Este luns deu inicio en Pontevedra a primeira xornada de folga do servizo de limpeza de edificios e locais, convocada polos sindicatos CIG e UGT.
Demandan un convenio colectivo "digno" que mellore as condicións laborais.
Máis de 12.000 persoas traballadoras do sector en toda a provincia están chamadas a participar nesta folga, que tamén se desenvolverá mañá, martes 12 de novembro.
Durante a xornada, piquetes informativos percorreron as rúas da cidade e achegáronse ao campus universitario, onde depositaron lixo na entrada de varias facultades en sinal de protesta.
A folga afecta tanto a edificios administrativos públicos como aos de empresas privadas como Ence, Tréves ou entidades do porto de Marín.
Os sindicatos denuncian que o convenio está caducado dende decembro de 2022, o que resultou nunha perda de poder adquisitivo do 12% para as traballadoras, maioritariamente mulleres con contratos a tempo parcial.
As reivindicacións inclúen un aumento salarial do 3,1% para 2023 e do 4% para 2024 e 2025, a revisión salarial conforme ao IPC e melloras nas vacacións e permisos.
A patronal ofrece subas sen cláusula de revisión e négase a modificar as xornadas.
A mobilización continuaban ás 19:00 horas cunha manifestación desde a praza da Peregrina, en paralelo a outras accións en Vigo e Vilagarcía.