Folga indefinida dos médicos a partir do 11 de abril para demandar melloras no "moi precario" sistema de saúde

Pontevedra
01 de marzo 2023

O sindicato CESM convoca un paro e fai un chamamento a todos os facultativos do Sergas para que a secunden porque "todos somos vítimas da inacción do Goberno autonómico, que levou á sanidade pública á quebra". Recoñecen que existe un déficit de médicos en Galicia e que "non hai unha varita máxica para iso"

Representantes de CESM anuncian a convocatoria de folga
Representantes de CESM anuncian a convocatoria de folga / PontevedraViva

Se as negociacións de última hora non o impiden, a partir do próximo 11 de abril os médicos de toda Galicia empezarán unha folga indefinida. A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos en Galicia (CESM) rexistrou este mércores 1 de marzo a convocatoria oficial de folga e os máximos responsables do sindicato a nivel autonómico desprazáronse ata Pontevedra para anuncialo. 

"Unha das razóns polas que hoxe estamos aquí é que se fixeron as cousas rematadamente mal", explicou Enrique Marra-López, médico pontevedrés que actualmente exerce como secretario xeral do sindicato en Galicia.

Segundo recoñeceu, a área sanitaria foi "o foco" da deterioración do sistema, aínda que esa época está a superarse coa nova xerencia. "Cambiou o sistema" e o novo xerente de Pontevedra e O Salnés, José Flores, está a mellorar a situación, aínda que só "con parches", que é "o que lle deixan". Agora, segundo explica, gañouse en transparencia e na "facilitade que temos de acceder á xerencia". 

Ramón Barreiro, presidente de CESM Galicia contextualizou a necesidade desta folga en que en Galicia a situación sanitaria funciona "moi mal" a nivel asistencial e tamén de condicións laborais dos profesionais. O sistema de saúde, segundo este profesional, "está moi precario" e atribúeo, entre outras cuestións, aos "moitos recortes" aplicados durante os últimos anos.

Segundo explicou, decidiron finalmente chegar a esta medida de presión dunha folga indefinida pola "total falta de vontade política" do Sergas e a Consellería de Sanidade en relación con "calquera proposta de mellora". Así, cualifican de "realmente decepcionante" o intento de negociación realizado durante os últimos meses coa administración autonómica, que acudía ás reunións "con ideas preconcibidas e sen intención de entrar a valorar as nosas propostas".

Os médicos de CESM están convencidos de que "podemos mellorar moito a calidade asistencial e as condicións laborais do persoal", por iso é polo que convocasen a folga e fagan tamén un chamamento a todos os facultativos do Sergas para que a secunden.

Así, insisten en que "necesitamos dar un golpe na mesa, plantar cara ao Sergas e á Consellería de Sanidade". Buscan, en definitiva, reverter a "lamentable" situación actual a nivel asistencial e tamén unha década de recortes, pois aseguran que desde os recortes da crise de 2008 e 2010 non se repuxeron. 

Segundo explican, fan extensiva a súa convocatoria a todos os profesionais sanitarios porque "todos somos vítimas da inacción do Goberno autonómico, que levou á sanidade pública á quebra".

A folga convócase para o 11 de abril, dentro de 40 días, segundo Barreiro, para dar "tempo suficiente" para poder reunirse e negociar as propostas, que afectan a todos os niveis asistenciais, pero en especial á atención primaria. Tamén teñen demandas específicas para a atención hospitalaria, para os factultativos de 061 e para os médicos residentes, dos que aseguran que "están para formarse" e, con todo, dánselle responsabilidades non acordes coa súa preparación e experiencia. 

Respecto diso, Marra-lópez insiste en que "non se pode dimensionar os servizos sanitarios contando cos MIR coma se fosen un profesional máis. Non se lle pode dar a responsabilidade sobre calquera cousa". 

A táboa reivindicativa de CESM incorpora, a nivel xeral, a demanda dunha xornada de 35 horas semanais; o incremento do prezo da hora de garda presencial e localizada, diferenciando entre laborais e fins de semana ou festivo, incluídos os MIR; a xeneralización do complemento específico baixo o principio igual traballo igual remuneración, e a declaración dos días 24 e 31 de decembro como non laborais para o persoal sanitario.

Dado que a atención primaria é a que sofre actualmente unha situación máis crítica, demandan medidas específicas como a implantación de axendas pechadas cun máximo de 25/30 pacientes e un tempo non inferior a 10 minutos por paciente, restrinxindo a telemedicina aos casos indicados polo facultativo; Urxencias Extrahospitalarias 24 horas ao día todo o ano, nas que se aplique o triaxe Manchester; un modelo retributivo baseado na asistencia prestado; aplicar o complemento de turnicidad a todo o persoal que traballe a quendas; coordinación entre stención primaria e hospitalaria; unha planificación snual para a cobertura das vacacións, permisos, baixas e incidencias; e unha reorganización xeográfica baseada en conceptos asistenciais.

Os representantes de CESM recoñecen que existe un déficit de médicos en Galicia e que "non hai unha vara máxica para iso", pero tamén insisten en que mellorando as condicións laborais dos traballadores "motivaríase" a moitos profesións que se foron ao estranxeiro ou a outras comunidades para que regresen a Galicia.