Os avogados da quenda de oficio están en folga. Este martes 21 de novembro comezou un paro nacional de carácter indefinido ao incumprir o Goberno central o acordo alcanzado cos sindicatos para a constitución dunha mesa de traballo para abordar a situación do sector e negociar as súas reivindicacións.
A mesa de traballo acordouse o pasado mes de setembro e, polo momento, os traballadores da quenda de oficio non recibiron resposta. Esta situación empuxoulles, din, a volver aos paros dada a situación "dramática" na que se atopan.
"Somos unos esclavos", dicía unha das portavoces deste colectivo da avogacía nunha protesta levada a cabo este martes ás portas dos xulgados de Vilagarcía aproveitando a presenza de medios de comunicación por un xuízo por unha demanda de Laureano Oubiña contra a produtora da serie Fariña.
Entre as súas demandas destaca a regulación xurídica dos empregados da quenda de oficio, subidas de salario e melloras das xornadas laborais, limitación das súas funcións ás asignadas por lei, actualización da nómina conforme ao IPC, entre outros.
Este colectivo de profesionais da xustiza constituído por avogados e procuradores que prestan este servizo público esencial á cidadanía denuncia que está a atopar "verdadeiras dificultades para poder traballar nunhas condicións mínimas de dignidade".
Consideran por iso, "necesario que se recoñezan a estes profesionais os mesmos dereitos laborais e sociais básicos que ao resto dos cidadáns".
Así, piden unha regulación xurídica dos profesionais da quenda de oficio mediante unha norma legal independente que recoñeza Ios servizos e cotizacións con efectos retroactivos desde a data de adscripcion á quenda de oficio e que recolla e garanta os seus dereitos de conciliación, descanso e desconexión dixital nos mesmos termos que o resto de traballadores e con "retribucións dignas abonadas en tempo e forma" así como a retribución da totalidade das actuacións realizadas para as que foron designados e dos tempos de dispoñibilidade.
Tamén queren que se regule a distribución das cargas burocráticas, "que deben ser asumidas pola administración" e o recoñecemento da condición de autoridade "que nos protexa das agresións e abusos".