A folga de condutores de autobús paraliza a actividade en cocheiras da estación

Pontevedra
28 de outubro 2024
Actualizado: 18:34

Segundo os sindicatos convocantes, a folga roza o 100% no transporte habitual mentres que no transporte escolar sitúase ao redor do 90%. Demandan a rebaixa da idade de xubilación

Piquete na folga de condutores de autobuses
Piquete na folga de condutores de autobuses / PontevedraViva

A primeira xornada da folga xeral de condutores de autobús, convocada polos sindicatos SLT, UGT e CCOO, está tendo un seguimento masivo este luns 28 de outubro, con importantes afectacións nos servizos de transporte por estrada en toda España.

Segundo Manuel Pazos, delegado sindical de UGT, o paro está sendo practicamente total nalgunhas zonas da provincia.

No municipio de Pontevedra, por exemplo, o 90% do transporte escolar non funcionou con normalidade esta mañá, segundo UGT, e os poucos servizos que operaron fixérono con importantes atrasos debido á presenza de piquetes.

O representante sindical explicaba que se paralizaran practicamente as liñas de traslado a Monte Porreiro ou a Mourente dentro do municipio.

"Non se está movendo nada. As liñas están practicamente paradas", sinala Pazos, quen confirma que tanto as liñas urbanas como as conexións con outras localidades atópanse severamente afectadas, a pesar dos servizos mínimos establecidos pola Xunta de Galicia no 50%.

Os servizos mínimos atopábanse establecidos nun 100% no transporte escolar, unha medida que os sindicatos convocantes consideraban excesiva.

Manuel Pazos entre outros integrantes dun piquete
Manuel Pazos entre outros integrantes dun piquete PontevedraViva

Durante as primeiras horas desta xornada de paro non se rexistraron incidencias de gravidade.

"Todo vai con normalidade. Queremos dar unha boa imaxe e non queremos incidencia ningunha", explicaba Pazos, que sinalaba que os usuarios nin sequera se queixaran e apoiaban a convocatoria.

En todo caso, unha importante dotación da Policía Nacional permanecía na estación de autobuses de Pontevedra durante a mañá para evitar problemas durante o transcurso da folga.

Policía Nacional na estación de autobuses
Policía Nacional na estación de autobuses PontevedraViva

Os condutores reivindican principalmente melloras nas condicións de xubilación.

"Non podemos estar nun autobús con seres humanos das nosas mans con 67 anos conducindo un autobús. É un traballo de risco e necesitamos que nos rebaixen a idade de xubilación", explica o representante sindical.

A idade media do sector supera os 50 anos e existe unha preocupante falta de relevo xeracional.

A folga continuará os días 11, 28 e 29 de novembro, 5 e 9 de decembro, e a partir do 23 de decembro de forma indefinida se non se acada un acordo entre sindicatos e patronal.

Estación de autobuses con presenza policial durante esta xornada de folga
Estación de autobuses con presenza policial durante esta xornada de folga PontevedraViva

A protesta afecta a todas as empresas do sector de transporte de viaxeiros, aínda que ten especial incidencia en compañías como Monbus, a maior operadora na provincia de Pontevedra e en Galicia.

A paralización do servizo obrigou a numerosos usuarios a buscar alternativas de transporte.

Diego Racamón, un dos afectados, relata que tivo que recorrer ao taxi para chegar a tempo a coller un tren en Pontevedra: "Fun pensando que ía haber os autobuses de servizo mínimo, pero ao final tiven que coller un taxi".

Pola súa parte, José Antonio, un mozo estudante universitario de Marín, ao que a folga lle obrigou tamén a dirixirse á estación de tren ao non poder tomar o seu autobús habitual a Torrecedeira, en Vigo e chegar ás clases con atraso.

Colas en la estación de tren de Renfe

Colas en la estación de tren de Renfe

A XUNTA ANUNCIA SANCIÓNS

A Xunta de Galicia abrirá expedientes sancionadores ás empresas de transporte que incumpriron os servizos mínimos durante esta primeira xornada de folga do sector.

Segundo os datos oficiais, non se realizaron 380 dos 2.233 servizos mínimos establecidos, o que supón un incumprimento do 17%.

En Pontevedra funcionaron o 80,14% dos autobuses programados.

O transporte escolar non se viu afectado, segundo a administración autonómica, xa que se estableceron como servizos mínimos todas as rutas de máis de catro quilómetros, tanto en liñas integradas como en autobuses exclusivamente escolares.

 A Xunta alerta para os vindeiros días de folga que procederá coas sancións naqueles casos nos que non se poida xustificar o incumprimento por causas como a presenza de piquetes.