As brasas da flamante Varela Churrasquería, o novo proxecto gastronómico de Pepe Vieira, xa están encendidas. Tras case dous anos de obras, a histórica ferraxería, reconvertida agora en restaurante, recibiu este xoves aos seus primeiros clientes.
Foi tamén a oportunidade para coñecer o resultado da ambiciosa reforma que o chef pontevedrés realizou neste inmoble, situado no número 4 da Rúa Don Gonzalo, na que investiu preto dun millón de euros.
A churrasquería, que por agora traballará con reserva previa e con capacidade para trinta comensais, prevé ir ampliando progresivamente o seu aforo nas próximas semanas. O local está preparado para dar servizo a unhas duascentas persoas.
A entrada do restaurante, que conta con tres alturas, ten unha zona de terraza e barra. A cociña, que se atopa na entreplanta, é un espazo acristalado que permite aos clientes ver como os seus cociñeiros elaboran as carnes que servirán no menú.
Na parte superior, ademais do comedor principal, habilitouse unha adega no lugar que ocupaban as antigas oficinas da ferraxería, mantendo case todos os mobles que tiña, reforzando o espírito industrial que reina en todo o establecemento.
A protagonista desta oferta gastronómica será a brasa, de onde sairán as carnes, verduras e peixes que integran a carta do restaurante, que inclúe ademais propostas nas que o equipo de Pepe Vieira, unha trintena de persoas, leva traballando desde hai meses.
Varela Churrasquería é, tras La Ultramar, o segundo restaurante que abre en Pontevedra Pepe Vieira, cociñeiro con dúas Estrelas Michelín no seu proxecto de Camiño da Serpe (Raxó).