Os veciños da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio amosarán este domingo a súa repulsa pública polo falecemento de Conchi Reguera Peón, a veciña da parroquia morta este sábado presuntamente acoitelada polo seu ex mozo. Teñen convocada unha concentración de protesta ás 11.30 horas diante do domicilio familiar da falecida, no número 4 da Rúa da Ponte, un punto moi coñecido no entorno porque no baixo os seus pais tiveron aberto durante anos o bar Pescador. A muller vivía no piso superior e no outro piso da vivenda reside un dos seus irmáns coa súa parella.
A concentración está convocada de xeito conxunto por todos os colectivos sociais e veciñais da parroquia, na que a familia da falecida é moi coñecida e tamén a do suposto autor do crimen, que reside cos seus pais no veciño municipio de Soutomaior. Pero antes de que chegue ese momento, este sábado xa se deixaron notar os sinais de agarimo e no punto onde apareceu o seu corpo, no cruzamento que vai de Ponte Sampaio ao lugar de Acevedo, os veciños puxeron un ramo de flores e acenderon candeas.
O Concello de Pontevedra tamén condenou este sábado a morte desta pontevedresa. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, instou aos poderes públicos competentes a tomar as decisións pertinentes para acabar con esta lacra, e á poboación a que manteña unha oposición frontal a feitos coma estes. Lembra que este tipo de sucesos prodúcense "porque hai unha cultura do machismo e non é tolerable no século XXI" e adiantou que o Concello estará presente en todos e cada un dos actos que se convoquen en repulsa deste crime.
O Concello transmite o pesar á familia, aos achegados e a toda a parroquia de Ponte Sampaio, que está consternada por este grave suceso, especialmente doloroso ao tratarse dunha persoa moi coñecida e querida.
Tamén o Goberno da Deputación Provincial, a través da súa presidenta, Carmela Silva, expresou a súa máis enérxica repulsa e subliñou a necesidade de impulsar un "pacto de Estado" para que todas as administracións xunto coa sociedade civil fagan unha loita global contra esta lacra de asasinatos. A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra amosa tamén a súa "máis enérxica repulsa e condena" e a secretaria de Igualdade, Belén Louzao, esixiu as administracións que traballen cara a acadar o fin deste tipo de violencia dirixida contra as mulleres "porque nos están a matar con total impunidade".
A Xunta de Galicia unise aos comunicados de condena e expresa a súa máis firme condena e a súa consternación ao tempo que fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta repudiable lacra. A Xunta reitera o seu apoio ás vítimas deste tipo de actos violentos e apela á corresponsabilidade de toda a cidadanía na erradicación deste problema público e social de primeira orde.