Mes de xaneiro promocional para a asociación cultural promotora do Entroido de Cobres, en Vilaboa. Estes días preséntanse as vestimentas típicas destas datas na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se desenvolve en Madrid. Alí permanecerán dous representantes deste colectivo ata o sábado promovendo os espectaculares traxes.
Ao longo destes días, estas dúas persoas ofrecen diversas accións de divulgación deste Entroido singular e ancestral, catalogado como Festa de Interese Turístico Nacional, no pavillón do IFEMA. Hai uns días tamén lograba a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a través da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
En Fitur tamén se está presentado a nova imaxe corporativa da festa e a páxina web específica elaborada para difundir a súa orixe e a historia. O acto de presentación desenvolverase este venres en Fitur.
O Entroido de Cobres terá unha programación con diversos actos entre o sábado 10 e o martes 13 de febreiro.
Este domingo, as madamas e galáns realizarán un percorrido parroquial para presentar este programa. A acción comezará ás 11.00 horas na capela de Santa Marta e continuará na casa de cultura de Figueirido e en Postemirón, onde chegarán ás 13.00 horas.
Xa durante a tarde, a actividade trasladarase a As Salinas a partir das 16.30 horas. Más dun centenar de persoas implícanse anualmente nas tarefas para poñer en marcha estas actividades, que terán continuidade ata decembro de 2024, segundo indica o Concello de Vilaboa.