Finalizan as obras de ampliación da vía no lugar do Pazo

Barro
24 de xaneiro 2022

O goberno local de Barro anunciaba a conclusión dos traballos este luns 24 nesta obra que contou cun orzamento de 47.238,04 euros, financiado con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra

Lavadoiro do Pazo, en Barro
Lavadoiro do Pazo, en Barro / Concello de Barro

A empresa Transportes e cantería Antonio S.L. finalizaba este luns a actuación que executou no vial municipal do Pazo, segundo informa o Concello de Barro.

A obra contou cun orzamento de 47.238,04 euros, unha cantidade financiada a cargo do Plan Concellos 2021 da  Deputación de Pontevedra.

Os traballos consistiron en ampliar ao longo de preto de 200 metros o espazo para mellorar a circulación de vehículos e garantir a seguridade viaria das persoas que transitan pola zona.

Tamén se mellorou a canalización de augas, ademais de reformar o lavadoiro e a contorna da fonte situada neste punto.

O goberno local ten previsto executar ao longo dos próximos meses o proxecto para pavimentar esta zona.

Para acometer esta obra foi necesaria a cesión dos terreos dun total de nove parcelas, segundo a información ofrecida polo Concello, que agradece publicamente a colaboración veciñal para poder acometer esta ampliación.