Ao longo da última semana, o Concello de Pontevedra desenvolveu unha nova xeira de asfaltados que lograron unha mellora nas calzadas de distintas vías urbanas.
As distintas actuacións que se levaron a cabo realizáronse nas rúas: Camiño Vello de Castela, Ribeira dos Gafos, Ponte Nova, Otero Pedrayo, Rúa da Seca, Bibiano Osorio Tafall, Ramón Peña e Arcebispo Xelmírez.
Os traballos desenvólvense dentro do programa de mantemento da zona urbana, co contrato de pequenas obras de mantemento dos espazos públicos urbanizados do Concello de Pontevedra, adxudicado a Elsamex, formalizado en agosto do ano 2022 cun prazo de dous anos, e que está próxima a iniciar a primeira das súas prórrogas ata o 2025.
Ese contrato deriva nun investimento anual de 726.000 euros, para o mantemento da rede viaria e espazos públicos urbanos.
Estes traballos afondan na idea e no obxectivo lanzado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a principios deste mandato, de "realizar un esforzo extra na recuperación e no mantemento do espazo público", co fin de deixar a cidade "en perfecto estado de revista".