Este domingo 3 de novembro entregáronse na cidade de Lugo os XI premios da Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (COGAVE).
A proposta da pontevedresa Federación Castelao recibiron unha distinción a escritora Fina Casalderrey e a Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra (Afapo).
O galardón consistiu nunha figura de cerámica, denominada "Pomba da Liberdade" que simboliza "o necesario voo ceibe do movemento veciñal".
Ademais de Fina Casalderrey e Afapo, neste acto celebrado no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, entregáronse premios á Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Ferrol-Narón e ao delegado Episcopal de Cáritas Diocesana, Alfonso Gil Montalvo, a proposta da Federación de Asociacións Veciñais Roi Xordo de Ferrol.
A Federación provincial de Asociacións Veciñais Lucus Augusti de Lugo propuxo como premiados a: Alfonso Álvarez Riveiro, director do diario El Progreso, e Paula Alvarellos Fondo, alcaldesa do Concello de Lugo.
A proposta da Federación provincial de Asociacións Veciñais Limiar de Ourense: Xosé Luis Foxo Rivas, director e fundador da Real Banda de Gaitas de Ourense; e Xusto Calviño Cruz, escritor.
Por último, a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área metropolitana premiou ao Proxecto de Voluntariado no Hospital Materno-Infantil Teresa Herrera (Universidade da Coruña) e ao Grupo Naturalista Hábitat, unha entidade sen ánimo de lucro.
O Premio Cogave Crer no Movemento Veciñal Galicia 2024 foi para Natalia Prieto Viso, directora xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia.