Fin de semana de camelias en Vilagarcía

O Salnés
03 de marzo 2024

A Exposición Internacional da Camelia desenvólvese na Praza da Peixería durante o sábado e o domingo coa participación de arredor de trinta cultivadores. Ao acto acudían Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, e o alcalde Alberto Varela 

Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, na LIX Exposición Internacional da Camelia
Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, na LIX Exposición Internacional da Camelia / Concello de Vilagarcía de Arousa

Ao redor de trinta persoas que cultivan camelias procedentes de Galicia e do norte de Portugal participan na 59 Exposición Internacional desta flor que se desenvolve durante o sábado e o domingo na Praza da Peixería en Vilagarcía de Arousa.

Nove establecementos comerciais decoraron tamén os seus escaparates con camelias, emblema das Rías Baixas. 

Ás 13.00 horas deste domingo está prevista a entrega de premios. A carpa abrirase ás 10.00 e despois celebrarase a cerimonia do té, ás 11.30 horas, con entrada libre ata completar a capacidade do espazo.

Durante a fin de semana polo recinto pasaron o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e tamén Luis López, presidente da Deputación, quen destacaba o poder desestacionalizador e o atractivo turístico que presenta esta flor para as Rías Baixas.

"A camelia é nosa, é patrimonio natural da nosa provincia, unha forma de vida para moitos afeccionados e profesionais da xardinería e, en definitiva, un produto 100% Rías Baixas", explicaba o presidente provincial durante a súa intervención.

Precisamente durante estes días o Castelo de Soutomaior oferta un roteiro específico polos seus xardíns centrada na camelia. Durante a inauguración tamén participou Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia e xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, organismo que depende da Deputación Provincial.