Fin de semana con gran inestabilidade atmosférica e precipitacións intermitentes nas Rías Baixas

Pontevedra
21 de abril 2023

Segundo o equipo técnico de Meteogalicia, agárdase que a partir da tarde do venres o ceo quede cuberto con precipitacións que irán remitindo á noite e prevense temperaturas altas para as mínimas e normais para as máximas respecto o habitual nesta época do ano

Imaxe do satélite de Meteogalicia este 21 de abril de 2023
Imaxe do satélite de Meteogalicia este 21 de abril de 2023 / Meteogalicia

Esta fin de semana "agárdanse precipitacións todos os días" nas Rías Baixas. Así o confirma o equipo técnico de Meteogalicia.

Os ceos permanecerán con nubes e claros en xeral durante os vindeiros días e prevense temperaturas altas para as mínimas e normais para as máximas respecto o habitual nesta época do ano, con mínimas en ascenso moderado e máximas sen cambios. No referido á calidade do aire, manterase a un nivel favorable en xeral.

Este venres 21 de abril chegará unha fronte fría a Galicia na segunda metade do día presentándose unha alternancia de nubes e claros durante a mañá. A partir do mediodía o ceo quedará máis cuberto con precipitacións que se rexistrarán durante a tarde e que irán remitindo á noite. As temperaturas máximas sufrirán un lixeiro descenso ata os 18 graos

O sábado 22 a situación meteorolóxica nas Rías Baixas estará caracterizada pola inestabilidade atmosférica. Deste xeito, o ceo permanecerá parcialmente nubrado con precipitacións intermitentes na maior parte do territorio. As temperaturas mínimas subirán lixeiramente ata os 12 graos e as máximas manteranse iguais. O vento soprará frouxo do suroeste. 

O domingo 23 continuará a existir unha inestabilidade atmosférica. Polo tanto, o ceo quedará parcialmente nubrado e haberá precipitacións, moi probables na zona de Pontevedra e arredores. As temperaturas experimentarán un lixeiro ascenso chegando aos 19 graos as máximas e aos 13 graos as mínimas.