En apenas 24 horas dará comezo unha edición moi especial da Semana Galega de Filosofía. Chega á súa trixésima edición. Desde este luns 1 de abril ata o venres 5 de abril, o Teatro Principal de Pontevedra será o escenario no que se disertará sobre o tema escollido este ano: Filosofía e memoria. Estará dedicada polo tanto a pensar sobre o concepto de memoria.
Tal e como destacou na súa presentación Carlos Calviño, director da Aula Castelao, este ano "preténdese enarborar o antídoto da memoria nunha sociedade paralizada polo esquecemento", co fin de estimular "a asfixiante pasividade" social fronte aos acontecementos deste último lustro.
O programa deste ano conta coa participación de reputados ponentes, galegos e foráneos, que abordarán ese espazo de xeito multidisciplinar: desde a filosofía, psicoloxía, antropoloxía, arquitectura, economía, desde o pensamento político e de xénero ou ata desde a literatura.
As actividades que completan o programa desta XXX edición son:
Luns 1
- 10.30 horas: Dialéctica da memoria, por José Barata-Moura (Universidade de Lisboa)
- 17:00 horas: Pasados incómodos de vítimas e verdugos. Balance do proxecto www.nomesevoces.net, por Lourenzo Fernández Prieto (Universidade de Santiago)
- 20:00 horas: O por que e o para que do Aula Castelao e a razón de ser da filosofía nas ensinanzas media, por Ramón Regueira (cofundador e primeir presidente da Aula Castelao)
Martes 2:
- 10.30 horas: A estratexia do esquecemento no capitalismo, por Miren Etxezarreta (Universidade de Barcelona)
- 17:00 horas: Arquitectura e memoria, por Manuel Galego Jorreto (arquitecto)
- 20:00 horas: O andar do vagabundo, por Manuel Rivas (escritor)
Mércores 3:
- 10.30 horas: Repetición, memoria e aspiración antideterminista do suxeito actual, por Manuel Fernández Branco (Psicólogo clínico do servizo de Psiquiatría do CHUAC)
- 17:00 horas: A escrita autobiográfica na construción da identidade feminina. Memorias de guerra e postguerra, por Aurora Marco (Universidade de Santiago)
- 20:00 horas: Os meandros da memoria no decorrer da xustiza, por Manuela Carmena Castrillo (maxistrada e cofundadora de Xuíces para a democracia)
Xoves 4:
- 10.30 horas: Políticas da memoria e do esquecemento na Europa central e oriental despois de 1989, por Bruno Groppo (Universidade de Parides)
- 17:00 horas: Memoria e lingua, por Francisco Fernández Rei (Universidade de Santiago)
- 20:00 horas: Usos e prácticas da memoria e do patrimonio, por Paula Godinho (antropóloga)
Venres 5:
- 10.30 horas: Memoria e futuro, por Manuel Cruz (Universidade de Barcelona)
- 17:00 horas: Galiza nesta hora: para unha memoria política dos últimos 30 anos, por Camilo Nogueira (político e economista)
- 20:00 horas: Homenaxe ás vítimas do franquismo
A última hora, a Aula Castelao tivo que susbtituir a lección de clausura que ía impartir Josep Fontana, debido aos seus problemas de saúde. No canto do seu relatorio celebrarase un acto homenaxe ás vítimas do franquismo. Contarase con familiares de vítimas das distintas etapas do franquismo, dende o 36 á Transición: Gonzalo Adrio (irmán de José Adrio), Flor Baena (irmá de Humberto Baena), Telmo Comesaña (presidente da Asociación Memoria Histórica do 36, de Vigo), Luís González Ferreiro e Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda. A homenaxe rematará coa actuación musical, cos violíns de Marina e Laura Quintillán.
Ademais, con motivo dos trinta anos que cumpre a Semana Galega de Filosofía, a Casa das Campás acollerá unha exposición durante toda a semana na que se mostran os carteis e trípticos que constitúen a historia dun dos eventos educativos e culturais máis importantes que se celebran en Galicia.