Filloas bretoas con ventrecha Pescamar

Pontevedra
22 de febreiro 2020

Aproveitamos o tempo de Entroido para degustar unha filloa salgada propia da Bretaña francesa e que se coñece co nome de galette. A diferenza da nosa filloa ou da crepe francesa, a galette bretonne elabórase cun amoado de trigo sarraceno

'Galette' bretoa
'Galette' bretoa

Chega unha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" cunha orixinal proposta axeitada ao tempo de Entroido: unha filloa salgada propia da Bretaña francesa e que se coñece co nome de galette. Unha deliciosa receita para a que Conservas Pescamar achega un dos seus produtos máis exclusivos, a ventrecha gourmet.

A parte do bonito do norte máis exquisita e valorada pola alta cociña é a ventrecha. Recibe o seu nome por atoparse na zona do ventre do bonito, onde se concentran proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos idóneos para reducir os riscos das enfermidades cardiovasculares.

A galette é un tipo de filloa propia da rexión bretoa, ao noroeste de Francia. A diferenza da nosa filloa ou da crepe francesa, a galette bretonne elabórase cun amoado de trigo sarraceno. Tradicionalmente, leva ingredientes salgados, como carne, peixe, queixo ou ovo, e desgústase acompañada dun vaso de sidra, unha bebida moi popular na Bretaña, onde se produce o 40% da sidra consumida en Francia.

Para preparar unhas deliciosas Filloas bretoas con ventrecha Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:

- 1 lata de ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar

- Media cebola

- 150 g de champiñóns

- Alfábega

- 120 g de fariña de trigo sarraceno

- 2 ovos para a masa e un ovo por cada galette

- Un vaso de leite

- Un chisco de sal

- Aceite de oliva virxe extra ou un anaco de touciño para engraxar a tixola

Elaboración:

Para preparar as filloas, mesturamos a fariña cos ovos e o sal ata que non queden grumos. A continuación, engádese o leite mentres se segue mesturando a masa. Cando xa está espesa e ligada a masa, déixase repousar durante unha hora aproximadamente.

Mentres agardamos, preparamos o recheo, para o cal refogamos a cebola e os champiñóns, cortados en pequenas porcións, nun pouco de aceite. Cando estean cociñadas as verduras, retiramos do lume e engadimos a ventrecha de bonito do norte gourmet Pescamar, previamente escoada, e as follas de alfábega.

Ponse un pouco de aceite a quentar (ou ben engraxamos con anaco de touciño pinchado cun garfo) e fanse as filloas unha a unha nunha tixola vertendo un pouco do amoado. Déixase no lume ata que calle e dámoslle volta. Repítese a mesma operación ata esgotar toda a mestura.

Para a preparación final, poñemos a lume baixo unha tixola cun pouco de aceite ou untada lixeiramente coa graxa do touciño. Colocamos unha galette na tixola e poñémoslle un pouco da mestura do recheo. No medio, rompemos un ovo con coidado para que non se estenda cara a fóra. A continuación, dobramos os lados da filloa en forma de sobre. Selamos cunha espátula e deixamos tapado durante 5 minutos ata que se faga o ovo.

Esta preparación esixe facer unha a unha cada galette, polo que se recomenda preparalas en dúas tixolas diferentes ou en cazolas de barro, que despois poderemos levar á mesa.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.