Filgueira Valverde, protagonista da cidade da mañá á noite

Pontevedra
18 de maio 2015

Núñez Feijóo e Fernández Lores resaltaron a figura de Filgueira Valverde. "Non hai proxecto cultural destacado onde don Xosé non teña presenza", en palabras do mandatario autonómico. O alcalde lembrou as "luces e as sombras" que rodean a súa figura, pero recoñeceu o seu papel como "valorizador e protector do rico patrimonio monumental da cidade"

Acto cívico da asociación O Burgo polo Día das Letras Galegas
Acto cívico da asociación O Burgo polo Día das Letras Galegas / Diego Torrado

Un acto institucional ás 11.00 horas no IES Sánchez Cantón abría a amplia programación e un homenaxe cívica ás 20.00 horas na praza de Curros Enríquez pechábaa. Entre unha e outra cita, transcorreu un día enteiro no que o intelectual Xosé Filgueira Valverde, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, se converteu o protagonista da súa cidade, da que foi alcalde, profesor de instituto, fundador do Museo e unha longa lista de méritos que foron glosando personalidades e políticos ao longo de toda a xornada. O alcalde Filgueira, o vello profesor recibiu unha homenaxe da súa cidade.

A cita das 11.00 horas foi a máis insitucional. Organizada pola Xunta de Galicia, contou coa presenza de autoridades, ex alumnos e unha ampla representación do mundo docente no que, segundo o actual director do insituto, Eladio Otero López, foi "o día máis importante da nosa historia". As loas a Filgueira e a música de Roi Casal con versos do propio homenaxeado, de Rosalía de Castro e o himno galego marcaron o discorrer do acto.

O Día das Letras Galegas é o día da lingua e da cultura e este ano o día de Filgueira. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considerou ambos conceptos indisolubles e rememorou as palabras de Alexandre Bóveda: "alí onde estea Filgueira, haberá sempre un obreiro da causa galega". Trasladou os seus parabéns á Real Academia Galega pola súa iniciativa de louvar a "quen tanto contribuíu a facer da nosa lingua un gozo eterno", pois considera que "non hai proxecto cultural destacado onde don Xosé non teña presenza. Non hai aspectos da nosa cultura que el non tocase. Non hai inquedanza que non impulsase. Non hai riqueza artística que el non preservase".

Con menos cerimonia desenvolveuse o acto colofón do día, a homenaxe cívica organizada pola asociación sociocultural O Burgo na praza de Curros Enríquez, á que asistiron representantes do Concello de Pontevedra, ausentes na celebración institucional da Xunta. Ante a alfombra floral que, como cada ano, elaboraron os organizadores, os protagonistas foron os versos recitados e as verbas do alcalde capitalino, Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou aos "cadáveres vivintes que din coidar da nosa lingua, que din erguela a todos os altares, mentres o idioma galego esmorece cada día, baixo esa denegrida hipocresía e a indiferencia dos vencidos".

Moi crítico coa "máis cruel indiferencia" dos gobernos autonómico e estatal cara á lingua galega, pediu que en días coma o 17 de maio non só organizasen "celebracións de salón" e "versallescas", senón que mostrasen máis enerxía e creatividade na "misión de conseguir que a xente de Galiza utilice cada vez máis a últil e fermosa lingua de seu". Tivo presentes as "luces e as sombras que rodean" a Filgueira Valverde, "senlleira figura da cultura e a política pontevedresa", pero quixo recoñecer o seu papel como "valorizador e protector do rico patrimonio monumental da cidade".

Arquivado en