Filgueira Valverde e a sentenza das pagas extra crean brechas entre o BNG e o PSOE

Pontevedra
08 de xullo 2014

O alcalde incide en que a Academia equivocouse na elección da figura de Xosé Filgueira Valverde para a celebración do Día das Letras Galegas de 2015 mentres que a Antón Louro parécelle acertada. O socialista tamén mantén que Lores "falou de máis" en relación co pagamento da extra en novembro de 2012

Jacobo Moreira (PP), Antón Louro (PSOE) e Miguel Anxo Fernández Lores (BNG)
Jacobo Moreira (PP), Antón Louro (PSOE) e Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) / Mónica Patxot
Antón Louro apoia a elección de Filgueira Valverde para a celebración do Día das Letras Galegas /

A elección de Xosé Filgueira Valverde como figura á que se dedica o Día das Letras Galegas 2015 e a sentenza que obriga a que os funcionarios municipais devolvan o diñeiro do plus de produtividade serviron como unha nova escusa para que os socios de goberno de Pontevedra, BNG e PSOE, mostren as súas diferenzas publicamente.

O voceiro do grupo municipal socialista, Antón Louro, insistiu en que o alcalde "falou de máis" en relación coa paga extra realizada aos funcionarios e que como consecuencia das súas palabras chegou o fallo xudicial contrario ao Goberno pontevedrés. "O alcalde non estivo fino" afirmou Louro.

O concelleiro socialista tamén quixo expresar o seu total respecto á decisión da Academia Galega de escoller a Xosé Filgueira Valverde como figura homenaxeada durante a próxima celebración das Letras Galegas ao considerar que é "un dos máis grandes polígrafos do país". Desta forma, os socialistas mostran o seu distanciamento coas palabras do voceiro municipal, Raimundo González, criticando esta elección e coas que realizaba Miguel Anxo Fernández Lores durante a mañá deste martes nas que afirmaba que "foi un erro da cultura galega" porque "había persoas que tiñan máis mérito".

O alcalde de Pontevedra tamén quixo referirse ás últimas discrepancias que veñen protagonizando cos seus socios de goberno: "Eu non comparto moitas cousas co Partido Socialista, que cada vez coincide máis co Partido Popular, tamén a nivel local". E en relación ás críticas recibidas por comentar que o pagamento do plus de produtividade era un acto de insubmisión, Fernández Lores apuntou que "non comparto que teñamos que ocultar as decisións que adoptamos por unanimidade, nós tomamos unha decisión para compensar a perda de poder adquisitivo cunha paga extraordinaria e non me vou ocultar. Eu fago as cousas con luz e taquígrafos".

Arquivado en