O concelleiro de obras e servizos de Bueu, Fidel Castro, pide o apoio dos veciños, hostaleiros e asociacións para poder poñer en marcha o Plan de Compostaxe da Deputación, e conseguir composteiros para catro áreas da vila. En concreto, precísase un mínimo de 60 apoios para cada unha das áreas, que se situarán en Petís-Pescadoira, en torno aos institutos e pavillón municipal, na rúa Xosé María Estévez e na zona das Lagoas.
Por este motivo, pídese a todas as asociacións de veciños, deportivas e ecolóxicas, colexios e institutos e hostaleiros que entreguen no Concello de Bueu o escrito referente ao apoio a esta iniciativa, que foi presentada na reunión do pasado 28 de decembro.
Ademais, Fidel Castro vaise dirixir a partir da semana que vén ‘porta a porta’ para buscar apoios entre os veciños das diversas áreas, existindo tamén no propio Concello.
Os composteiros que se pretenden instalar están formados por seis departamentos pechados cun valado exterior, que serán inspeccionados nos seis primeiros meses por un mestre composteiro seleccionado pola Deputación e que será o encargado de supervisar se a compostaxe se está realizando correctamente.
Con esta iniciativa, o Concello reduciría os residuos orgánicos que se envían cada ano a Sogama, o que redundaría nunha redución de custos para investir noutros servizos.