O pavillón feiral de Fexdega convértese dende este venres nun albergue con capacidade para 35 persoas sen fogar.
A decisión inscríbese dentro do plan de atención psicosocial de urxencia elaborado polo Concello de Vilagarcía en colaboración coas ONGs coas que colabora habitualmente. Con esta medida, o albergue de Cruz Vermella, na praza da Constitución, queda pechado e tamén se elude ter que recorrer, como nos últimos días, ao pago de hostais para acoller ás persoas sen fogar que así o demandan. Ao tempo, se centralizan os servizos e a atención e se garante o confinamento que afecta a toda a cidadanía mentres dure o estado de alarma.
Na posta en marcha do albergue de Fexdega colaboraron distintos servizos do Concello, ademais da Cruz Vermella e Cáritas, cuxos voluntarios, xunto cos operarios municipais, traballarán no desenvolvemento do servizo. Durante a estancia, os usuarios terán, ademais de aloxamento, manutención, esta a través dun cátering.
Igualmente, terán acceso aos servizos de hixiene do pavillón feiral (aseos e duchas). Tamén, e segundo o protocolo deseñado por Servizos Sociais, poderán contar con actividades de animación ao longo do día, sempre respectando a orde de confinamento.
As camas están distribuídas nun espazo acoutado dentro do propio pavillón, diferenciando así mesmo a zona para homes e para mulleres, e garantindo a ventilación do aire. Nunha zona contigua habilitouse o comedor, con mesas individuais que manteñen unha prudente distancia de seguridade entre unhas e outras.
Este venres, en Fexdega durmirán 20 persoas, 17 homes e tres mulleres
Normalmente, o albergue de Cruz Vermella atende, en colaboración co Concello, ata dez persoas. Nos últimos días, superada esa cantidade, houbo que recorrer ao pago de hostais. Este venres, en Fexdega durmirán 20 persoas, 17 homes e tres mulleres. En previsión do que poida suceder nos vindeiros días, aínda quedan 15 prazas libres.
Aínda que se trata dun número limitado, a decisión de unificar en Fexdega o servizo de albergue ás persoas sen fogar inscríbese dentro dun plan máis ambicioso do Concello para aqueles cidadáns que teñen máis dificultades para afrontar a actual crise, especialmente as persoas maiores dependentes, as inmunodeficientes e as que sofren algún tipo de risco psicosocial.
Nese plan participan técnicos e auxiliares de distintos departamentos (Servizos Sociais, Igualdade, Protección Civil, Policía Local, Obras, entre outros), ademais dos voluntarios de ONGs como Cruz Vermella, Cáritas ou Arousa Moza, o que permite achegar alimentos ou medicinas a aqueles que non poden, aínda que quixeran, saír da rúa.