Festas no lugar de mitins para poñer fin a unha atípica campaña electoral en Pontevedra

Pontevedra
23 de maio 2015

A destas eleccións municipais non foi unha campaña electoral tradicional. Foron moitos os partidos que, sacudíndose a formalidade que ata agora presidiran os quince días anteriores á cita coas urnas, quixeron apostar por outro formato máis arriscado e alternativo para pedir o voto aos pontevedreses. E ese espírito mantívose ata o último minuto

Comida do Partido Popular co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
Comida do Partido Popular co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo / Mónica Patxot

A destas eleccións municipais non foi unha campaña electoral tradicional. Foron moitos os partidos que, sacudíndose a formalidade que ata agora presidiran os quince días anteriores á cita coas urnas, quixeron apostar por outro formato máis arriscado e alternativo para pedir o voto aos pontevedreses. E ese espírito mantívose ata o último minuto.

O peche de campaña viu como a maioría dos partidos optaban por cambiar os tradicionais mitins, reservados principalmente para os seus propios fieis, por festas ou actos populares ao aire libre en diferentes rúas e prazas de Pontevedra.

O Partido Popular optou, non obstante, por unha fórmula mixta. O seu último acto de campaña foi un mitin que celebrou na Casa da Cultura de Campañó, pero tamén quixo deixarse ver pola cidade. Foi cunha comida no restaurante La Cámara, situado na praza do Teucro. Nela, ademais de Jacobo Moreira, participaron tamén Alberto Núñez Feijóo, Pilar Rojo, Alfonso Rueda ou Teresa Pedrosa, entre outros.

A praza do Teucro foi o lugar elixido tamén por Tod@s por Pontevedra para pechar a que foi a campaña da súa estrea como partido. Foi no medio dun ambiente festivo, no que María Biempica contestou tamén as preguntas do público. A música correu a cargo de Raúl Cabaleiro e do dúo musical da que forma parte María Luaces, o seu número dous, que tocou a canción Yellow de Coldplay, co resto da candidatura facendo os coros.

Ciudadanos, mentres tanto, si que non variou o guión que foi protagonizando durante toda a campaña, repartindo os seus esforzos neste último día coa repartición de propaganda electoral na rúa, neste caso a praza da Peregrina, cun mitin da súa candidata María Rey na Casa da Cultura do barrio de Monte Porreiro.

A outra formación que debuta nunhas eleccións, Marea Pontevedra, optou por ocupar outra emblemática praza da cidade, a da Peregrina. Decidiron organizar un acto de maior carga política que os seus rivais. Nel interviñeron, entre outros, Luis Rei e voceiros dos partidos políticos e colectivos sociais que integran esta candidatura de unidade popular. Tamén houbo música con Fanfarria Taquikardia e o grupo de etnia africana Bobox.

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE organizou unha festa popular no Campillo de Santa María, onde o seu candidato á Alcaldía, Agustín Fernández, estivo arroupado por numerosos simpatizantes e militantes do seu partido. Antes, os socialistas celebraron un último mitin en Mourente e protagonizaron un paseo por diferentes zonas da cidade, acompañados de animación pola rúa e repartición de globos aos nenos.

Moito máis tranquilo foi o peche de campaña para o BNG. Miguel Anxo Fernández Lores quixo agradecer o traballo de todos os integrantes da súa candidatura e os seus máis estreitos colaboradores cunha cea informal que se celebrou no restaurante Center da rúa Michelena. Finalizaba así quince días intensos, onde os mitins cederon protagonismo a actos sectoriais e encontros con diferentes colectivos.

Arquivado en