Festa, 'escape room' e unha noite de cine de terror para celebrar Samaín en Soutomaior

Soutomaior
16 de outubro 2024

O Samaín de Soutomaior celebrarase os días 27 e 31 de outubro e o 2 e 3 de novembro con diferentes actividades para todos os públicos

Rosana Comesaña e Manu Lourenzo presentan o Samaín de Soutomaior
Rosana Comesaña e Manu Lourenzo presentan o Samaín de Soutomaior / Concello de Soutomaior

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a concelleira de Promoción Económica, Hostalaría e Comercio, Rosana Comesaña, presentaron o Samaín de Soutomaior.

Propoñen festexar esta particular celebración con catro xornadas de actividades para todos os públicos, os días 27 e 31 de outubro e o 2 e 3 de novembro.

A primeira cita, o 27 de outubro, será un obradoiro de elaboración de cabazas para toda a familia na Finca Cafexo-Massó, para a que será necesaria inscrición previa.

O xoves 31 de outubro será o día principal, como non podía ser doutra maneira, nunha xornada de disfraces e caracterización. Primeiro, a Praza de Cima de Vila acollerá ás 17.45 horas un obradoiro de velas e maquillaxe 'de medo'. Todo iso servirá para participar ás 19.00 horas na mesma praza na Noite de Ánimas, cun pasarrúas coa Santa Compaña a cargo de Hípica Celta que percorrerá a avenida Xosé Solla para finalizar en Talo Río e na que se pide portar cirios, cabazas alumadas ou velas para unha maior ambientación.

Será unha previa á festa prevista, con castañas asadas gratuítas en Talo Río a partir das 20.30 horas, petiscos de Samaín a prezos populares e a ambientación interactiva de 'Enterosmundos'. Non faltará tampouco a música con La Duendeneta animando até o final da velada.

Ademais para o 2 de novembro resérvase un Escape Room Especial Samaín no Multiusos de Arcade, con dúas salas de escape para que participen por unha banda nenas e nenos de 3 a 7 anos e polo outro os maiores de 8 anos. Serán un total de cinco pases (17.00, 17.30, 18.00, 18.30 e 19.00) e será necesaria inscrición. Ese mesmo día tamén aterrará no Multiúsos, a partir das 20.00 horas, o Maratón de Cine de Terror coa proxección de Biltelchús, O Exorcista e IT, con flocos de millo gratuítos nos descansos de cada película.

Por último o domingo día 3 pecharase a programación unha sesión de contos para adultos (ou maiores de 14 anos) na Finca Cafexo-Massó titulada 'O medo ponse no medio', con Celso Fernández Sanmartín 'Celsiño', con dous pases ás 16.30 e 19.00 hora con inscrición previa.

Os interesados en participar nas actividades limitadas deberán solicitalo desde as 10.00 horas deste venres 18 de outubro na páxina web do Concello de Soutomaior.