Festa en San Cibrán para espantar o mal de ollo

Pontevedra
28 de marzo 2016

A romaría de San Cibrán celebrouse este luns 28 na parroquia pontevedresa de Tomeza onde moitos fieis acudiron a quitarse os "meigallos"

Festa en San Cibrán
Festa en San Cibrán / Mónica Patxot

Cada Luns de Pascua, a parroquia pontevedresa de Tomeza, celebra a súa tradicional romaría de San Cibrán. Durante a mañá deste luns 28, a pesar das precipitacións, os fieis achegáronse a gozar das misas que se sucederon durante toda a mañá, desde as 9:00 horas ata as 13:00 horas.

Esta romaría, famosa por quitar o mal de ollo, conta con varias tradicións para librarse dos meigallos. Por unha banda, obriga a dar nove voltas ao redor da ermida lanzando pequenas pedras sobre o tellado, unha por cada volta. Outra das tradicións é pasar tres veces por baixo da imaxe do santo.

Os fieis protagonizan unha procesión onde se saca a figura de San Cibrán e bendinse os ramos. Moitos dos asistentes aproveitan para levar a casa estas herbas milagrosas compostas por romeu, loureiro ou ruda, que axudan a fortalecer esa cura de meigallos, se previamente pasaches por baixo da imaxe do santo.

Como toda romaría complétase cunha comida no monte e finaliza cunha verbena. Aínda que a subida ao monte a pé e posterior comida está cada vez máis perdida, os fieis optan por subir en coche e comer nas súas casas ou nos típicos postos de venda de polbo, churrasco, empanada, viño, roscas ou rosquillas.

Durante a noite deste luns 28 as orquestras Marbella e Xerusalén serán as encargadas de amenizar a festa. Este culto relixioso remóntase ao século V e, segundo conta a lenda, este santo foi antes bruxo e por iso é polo que a tradición desta festa axude a espantar o mal de ollo.