A Festa da Ameixa de Campelo supera as previsións e esgota existencias

Poio
21 de outubro 2024

Servíronse preto de 1.300 racións durante os tres días de festa na Praza da Granxa de Poio, sendo o domingo o día con máis visitantes

Festa da Ameixa 2024
Festa da Ameixa 2024 / Concello de Poio

A XXXVI edición da Festa da Ameixa de Campelo, celebrada do venres ao domingo na Praza da Granxa de Poio, rexistrou un éxito rotundo de público e consumo.

Durante a celebración esgotáronse as existencias dos 500 quilos de ameixas preparados para a cita gastronómica.

Segundo informou o Concello de Poio, servíronse preto de 1.300 racións, distribuídas en 777 de ameixas á mariñeira, que foi o prato máis demandado; 277 de ameixas con fideos; e 231 de arroz con ameixas.

O domingo foi o día de maior afluencia, con longas colas de comensais malia a presenza de choiva durante a xornada.

O alcalde, Ángel Moldes, destacou a diversidade de visitantes, procedentes non só de Galicia senón tamén doutras comunidades autónomas como Asturias, Madrid, Cataluña ou o País Vasco.

Moldes subliñou que "Poio é un destino único, que combina gastronomía, paisaxe, cultura e patrimonio", e que eventos como este supoñen un atractivo adicional fóra da tempada alta.

Entre as novidades desta edición, valorouse positivamente o adianto da apertura dos postos de degustación ao venres, así como a ampla programación de actividades para todos os públicos durante os tres días de festa.

Festa da Ameixa 2024
Festa da Ameixa 2024

O alcalde agradeceu a implicación das confrarías, agrupacións de mariscadoras, empresas locais do sector mar-industria e colectivos de Campelo na organización.