Máis de 10.000 persoas pasaron durante a pasada fin de semana pola Alameda de Pontevedra no marco do festival Ferve Estrella Galicia, unha cita que combinou música, cultura, artesanía e gastronomía e que se concibiu como unha reinvención da romaría tradicional galega.
O festival celebrouse entre os días 16 e 18 de setembro, venres, sábado e domingo cunha programación completa que incluíu 40 actividades gratuítas propostas entre showcookings, talleres e Ferve talks nos seus diferentes horarios. Aproximadamente, 700 persoas asistiron a estas iniciativas.
A cita, herdeira do espírito popular da Festa da Colleita de Estrela Galicia e das romarías populares, converteuse nunha celebración do presente cunha mirada ao futuro, desmarcándose dos convencionais eventos culinarios e achegando un formato innovador, aberto e desenfadado ao mesmo tempo que comprometido co futuro da gastronomía e o impacto positivo.
Organizado por Esmerarte Industrias Creativas e Estrela Galicia. contou co apoio do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia, o Xacobeo 21-22, Artesanía de Galicia, Galicia Calidade e Stellantis & You. O director de Esmerarte, Joaquín Martínez (Kin), destacou a cantidade de persoas rexistradas e en listas de espera das actividades, que "superaron todas as nosas expectativas".
Goretti Castro, responsable de Cultura, Proximidade e Gastronomía en Estrela Galicia, destaca que o éxito do festival foi "o facer gozar á xente e conseguir achegar a gastronomía, a música e a cultura da cervexa ao público dunha forma totalmente diferente, nunha contorna idílico como é a Alameda de Pontevedra".
A cita, segundo a organización, xerou ata 200 empregos no seu paso pola Alameda de Pontevedra.
A gastronomía foi unha das grandes protagonistas do festival, con 27 chefs de renome: 19 propostas de chefs de Galicia, 7 do resto do país e unha proposta internacional directamente desde Brasil, Juliano Valese, en representación do seu restaurante Toureiro Valese. Nas súas tres xornadas, os chefs de Ferve crearon para o público e a sección do festival Beer & Food petiscos gourmet únicos e con produtos galegos.
Pepe Solla (restaurante Casa Solla), anfitrión da rama gastronómica xunto con Pepe Vieira e Javier Olleros, destacou que "Ferve foi o gran evento este 2022 en Pontevedra", unha "conxunción perfecta" de música, gastronomía e cultura de cervexa na cidade perfecta. Ademais, cre que a idea de celebrar Ferve durante o día "converteuno nun plan ideal para gozar en familia, e é que non se puido elixir mellor lugar, xa que Pontevedra é unha cidade moi familiar".
A música non faltou en Ferve. Durante os tres días de evento todas as persoas que pasaron pola alameda gozaron das actuacións de Baiuca, Guadi Galego, Marilia Monzón, A Banda de Late Motiv e Xoel López, que encheron completamente a Alameda de Pontevedra, facendo bailar a todos os asistentes durante os tres días de festival.