Ferrovial asumirá a limpeza das dependencias municipais a das instalacións deportivas

Pontevedra
02 de novembro 2020

Algo máis de 2,7 millóns de euros recibirá a empresa Ferrovial, ao longo dos próximos catro anos, a cambio de encargarse da limpeza das dependencias municipais, os centros sociais e as instalacións deportivas públicas de Pontevedra

Un traballador efectúa labores de limpeza nunha rúa de Pontevedra
Un traballador efectúa labores de limpeza nunha rúa de Pontevedra / Mónica Patxot

Algo máis de 2,7 millóns de euros recibirá a empresa Ferrovial, ao longo dos próximos catro anos, a cambio de encargarse da limpeza das dependencias municipais, os centros sociais e as instalacións deportivas públicas de Pontevedra.

O contrato, que é prorrogable por unha quinta anualidade, foi adxudicado polo Concello a esta empresa, que foi a gañadora dos dous lotes nos que se dividiu o contrato.

Así, por 1.849.960,77 euros, Ferrovial limpará ata dezaoito edificios administrativos e de servizos das emerxencias municipais.

Inclúense neste contrato o edificio de Michelena 30, a casa consistorial da Praza de España, as oficinas municipais do Teatro Principal, o chalé de Fontoira, a Casa Azul, a Casa da Luz, o edificio de Churruchaos ou os locais de Jofre de Tenorio, Xan Guillerme e Xulio Camba.

O arquivo municipal, o antigo conservatorio, as dependencias da Policía Local, o parque municipal de Bombeiros, a sede de Protección Civil, a nave almacén das brigadas municipais, o centro de condutas aditivas e o edificio de Santa Clara tamén forman parte do contrato.

Inclúe, ademais, a escola infantil da Parda, os mercados municipais da rúa Serra, Virxe do Camiño, Fray Juan de Navarrete e Ponte Sampaio, os cemiterios de San Amaro, Lourizán, Bora, Campañó e Ponte Sampaio ou 26 centros sociais e culturais do ámbito urbano e rural.

O segundo dos lotes, que corresponde ás instalacións deportivas, foi adxudicado por un prezo de 861.714,73 euros. Entre os espazos a atender destacan o pavillón municipal e o Multiusos da Xunqueira, segundo destaca o goberno municipal.