Natural de Pravia (Asturias), Fernando Molina Rodríguez hoxe cumpre 100 anos. Chegou a Pontevedra hai máis de 70 anos, tras pasar 14 en Madrid. En agosto de 1947, incorporouse ao servizo militar como funcionario do Instituto de Investigacións Forestais de Lourizán, onde foi o primeiro director. Tras xubilarse pasou a ser o presidente da Asociación Forestal de Galicia, ata o ano 2000.
Na mañá deste luns, el mesmo acudiu andando ao Concello para reunirse co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quen quixo facerlle unha homenaxe. Obsequiouno cun ramo de rosas e un pin conmemorativo do Concello.
O enxeñeiro de montes continúa facendo o que lle gusta, ler e escribir. Actualmente, sentado no seu despacho, traballa nun artigo acerca da dificultade que supón levar o sector forestal á administración pública. Reflexiona acerca da riqueza forestal de Galicia, os intereses que xera e os problemas que isto orixina.
Falador e riseiro, Fernando atendeu a todas as preguntas cunha viveza admirable. Está contento de seguir gozando xunto coa súa muller Margarita do clima pontevedrés que, sinala, é unha sorte.