Fernando Molina, precursor da investigación forestal en Galicia, falece aos 102 anos

Pontevedra
02 de xullo 2020

Fernando Molina, presidente de honra da Asociación Forestal de Galicia, dedicou toda a súa vida ao monte, a súa gran paixón. O seu funeral desenvolvíase este xoves, ao mediodía, en Campolongo. Foi creador do servizo de defensa contra incendios forestais de Galicia

Fernando Molina na visita ao Concello para celebrar os 101 anos
Fernando Molina na visita ao Concello para celebrar os 101 anos / Victoria Regueira

Fernando Molina, pioneiro da investigación forestal e presidente de honra da Asociación Forestal de Galicia, falecía nas últimas horas aos 102 anos de idade. Este xoves tiña lugar o seu funeral na igrexa de Campolongo. 

Durante toda a súa vida dedicouse ao coñecemento do monte. Foi o primeiro presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) no ano 1986, cargo no que permaneceu ata o 2000. Durante o últimos vinte anos exerceu como presidente de honra da asociación, cunha participación moi activo. 

Naceu en Pravia, en Asturias, en 1918, tras cursar estudos de Enxeñeiro de Montes na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes de Madrid, chegaba a Galicia en 1947, onde comezaba a traballar nas instalacións do actual Centro de Investigación Forestal de Lourizán, un espazo que chegou a dirixir entre 1959 e 1985. 

Foi o creador da Escola de Capataces Forestais de Lourizán en 1954 co funcionamento dunha metodoloxía de ensino moi específico que lle proporciona unha acreditada fama en toda España pola calidade da preparación dos profesionais que se forman no Centro. Dous anos máis tarde, tamén creaba a rede metereolóxica de Lourizán #nte a necesidade de encher as lagoas de datos climáticos. Esta rede de información rigorosa sería modelo para toda España.

Entre os seus principais traballos como investigador destaca a mellora xenética do piñeiro galego e do castiñeiro. Ademais foi presidente do Consello de membros da Unión de  Silvicultores do Sur de Europa ( USSE). Contribuíu na creación do servizo de defensa contra incendios forestais de Galicia e na elaboración dos Plans Forestais de Galicia e Asturias, ademais de ser un gran partidario da utilización da biomasa como xeradora de enerxía e da explotación dos recursos eólicos como fonte enerxética.