Fernández Lores: "En tres ou cinco anos vaise pegar un avance bestial tanto ao saneamento como ao subministro deste municipio"

Pontevedra
24 de xuño 2018

Fronte ás críticas dos grupos municipais do Partido Socialista e Marea pola oportunidade perdida de municipalizar este servizo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asegura que a a xestión directa da auga "sería máis cara" para as arcas municipais

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

Durante os próximos 20 anos, ata o 2038, a empresa Viaqua seguirá xestionando o servizo de auga e saneamento do municipio de Pontevedra. Ademais de presentar a documentación requirida no prego das cláusulas administrativas a empresa adxudicataria ten que abonar a garantía estipulada de 5,8 millóns de euros, ao redor dun 10% do investimento comprometido no próximos tres anos que alcanza os 58.231.000 euros en investimentos.

A esa cifra débense engadir os 7,8 millóns máis do canon que debe abonar nos seis primeiros anos.

Fronte ás críticas dos grupos municipais do Partido Socialista e Marea pola oportunidade perdida de municipalizar este servizo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores asegura que a a xestión directa da auga "sería máis cara" para as arcas municipais.

Segundo Lores a xestión por parte do concello deste servizo "obrigaría a crear unha empresa mixta, contratar aos traballadores, executar un elevado investimento en material e para iso, pedir un crédito".

O rexedor xustificou que o goberno local do BNG actuou "buscando o mellor para o cidadán e rendibilizando o diñeiro público".

"É absolutamente espectacular", afirma o alcalde respecto dos 25,6 millóns de euros que Viaqua investirá no saneamento en doce parroquias e aos 30,2 millóns que destinará á rede de auga noutras seis, sen esquecer os 2,4 millóns máis noutras obras, entre elas o abastecemento ao futuro Gran Montecelo. "En tres ou cinco anos vaise pegar un avance bestial tanto ao saneamento como ao subministro deste municipio", engadiu.

"É a mellor oferta económica e a mellor oferta técnica", defende Lores.

O alcalde da Boa Vila tamén apunta que o servizo da auga en Pontevedra é un dos máis baratos por habitante das cidades galegas.

Arquivado en