Fernández Lores: "A reforma electoral é un atentado á democracia"

Pontevedra
22 de agosto 2014

O alcalde de Pontevedra amosa a súa oposición á intención do Goberno central de modificiar a lei electoral para as eleccións municipais de maio de 2015 e agarda que haxa unha resposta social que obrigue a dar marcha atrás ás pretensións do Goberno do Partido Popular

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores / PontevedraViva
Fernández Lores: "A reforma electoral é un atentado á democracia" /

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, espera que o Goberno central se vexa obrigado a dar marcha atrás nas súas intencións de modificar a lei electoral de cara ás próximas eleccións municipais en maio de 2015 para establecer que goberne o partido máis votado nos comicios e evitar pactos.

"A min me parece que a reforma tal e como a plantean é un atentado á democracia", indicou Fernández Lores, "cada cidadán vota por unha opción política e se vai adiante unha reforma destas características vai significar que non todos os votos sexan iguais. Desta maneira a minoría maioritaria vai ter unha representación totalmente desorbitada e antidemocrática ao respecto doutras opcións políticas que non van ter posibilidade de acceder ou de influir na gobernabilidade dun Concello".

Segundo entende o rexedor pontevedrés a reforma "responde a intereses do sistema personalizado nunha forza politíca que considera que, neste momento, pode ser maioritaria e que con iso tería unha representación absolutamente disparatada e fóra de lugar respecto aos votos. E hai unha parte importante dos cidadáns que non tería representación no goberno".

Entende que se se produce unha resposta social, o goberno de Mariano Rajoy daría marcha atrás nas súas intencións: "Non é a primeira vez que cambia de opinión ou que deixa morrer temas que poidan ser conflitivos socialmente ou que varía os posicionamentos xudiciais como no caso da lei de aborto ou no plan xudicial, que está a pensalo porque hai unha resposta contundente. Neste tema hai unha resposta contundente por parte de todas as forzas políticas".

Fernández Lores asegura que esta decisión iría na liña contraria á que a sociedade percibe, "que quere máis frescura, unha representación máis directa e que sexa representativo o voto do cidadán", apuntou. O alcalde pontevedrés concluíu indicando que esta operación forma parte dunha armazón que leva a que as forzas políticas clásicas se afasten da sociedade porque "están gobernando en contra dos intereses da maioría social".