Un inesperado incendio sacudiu este sábado á localidade de Cuntis. Dúas persoas resultaron feridas graves tras arder a súa casa. Ambos estaban na casa xunto ao seu bebé, de apenas dez días de vida.
O suceso rexistrouse sobre as tres da tarde nunha vivenda do lugar da Raxeira, na parroquia de San Miguel de Couselo.
Todo apunta a que o lume se orixinou na cociña da casa, debido ao mal funcionamento dun radiador eléctrico que, segundo os técnicos de emerxencias, produciu unha deflagración.
O home, de 35 anos, presenta queimaduras "moi graves" en todo o seu corpo e foi trasladado nun helicóptero medicalizado á unidade de queimados do hospital da Coruña.
A muller, que ten 29 anos, tamén se atopa en estado moi grave e ten queimaduras na totalidade do seu corpo. Tras ser atendida polo persoal sanitario do 061, foi levada en ambulancia á unidade de queimados do hospital da Coruña.
Na unidade de pediatría do hospital de Santiago, pola súa banda, quedou en observación a filla de ambos, que non ten queimaduras pero tería inhalado o fume que se produciu durante o incendio. O seu prognóstico é reservado.
O incendio, segundo confirmou o 112 Galicia, concentrouse na cociña, onde houbo grandes danos nas paredes e no teito, pero a intervención dos servizos de emerxencia impediu que o lume se propagase polo resto da casa.
A explosión del radiador afectou primeiro ao home e, posteriormente, a súa muller. A nena foi localizada polos servizos de emerxencias cando entraron na vivenda ante a desesperación dos pais.
Até o lugar, ademais dos bombeiros e o 061, trasladáronse axentes da Policía Local de Cuntis e da Garda Civil, efectivos do GES da Estrada e voluntarios de Protección Civil para colaborar con todo o dispositivo despregado.