Un home resultou ferido na tarde deste mércores e tivo que ser trasladado ao hospital despois de sufrir un accidente de tráfico en Ponte Caldelas. Precipitouse co seu turismo por un terraplén duns 20 metros de altura.
O accidente rexistrouse sobre as 17:40 horas deste mércores no lugar de Santa Ana, na parroquia de Tourón, en Ponte Caldelas. O home circulaba pola estrada PO-532 cando sufriu unha saída de vía e caeu polo desnivel.
Os bombeiros de Pontevedra desprazáronse ata o lugar e, á súa chegada, o condutor xa saíra polo seu propio pé do turismo, pero axudárono a subir polo noiro.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, o condutor estaba un pouco aturdido e non era capaz de confirmar se ía só ou acompañado no vehículo, de maneira que os bombeiros decidiron supervisar todo o perímetro para ver que non houbese outras persoas acompañantes.
Finalmente, descartouse esa posibilidade, o home estaba só no coche e foi traslado por unha ambulancia ao hospital.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, informouse do sucedido a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Pontevedra e á Garda Civil.