Ferido un ciclista de 15 anos nun accidente de tráfico en Cambados

O Salnés
29 de xullo 2024

O menor foi trasladado ao Hospital do Salnés para ser atendido dos danos na zona testícular, na perna dereita e na zona lumbar. O accidente producíase ás 13.45 horas deste luns na EP-9002, no límite entre os municipios de Cambados e Vilanova de Arousa

Danos no turismo tras o impacto coa bicicleta
Danos no turismo tras o impacto coa bicicleta / Servizo de Emerxencias

Un menor, de 15 anos de idade, resultaba ferido este luns 29 de xullo cando circulaba coa súa bicicleta pola EP-9002 no límite entre os municipios de Cambados e Vilanova de Arousa.

O suceso producíase ao redor das 13.45 horas cando se producía o impacto entre un turismo e a bicicleta que manexaba o neno.

Segundo informan desde o servizo de Emerxencias do Concello de Cambados, o menor foi evacuado ao Hospital do Salnés.

Na primeira exploración comprobaban a presenza dunha ferida aberta na zona testicular, ademais de diferentes feridas na perna dereita e na zona lumbar.

O turismo sufría danos nun lateral coa rotura do espello retrovisor exterior.

Na intervención colaboraron os efectivos do servizo de Emerxencias de Cambados con membros da Garda Civil de Tráfico e unha ambulancia do 061.