Ferido un traballador tras estalar un cadro eléctrico no Covelo

Poio
21 de outubro 2024

A persoa que se atopaba traballando nel sufriu queimaduras nun brazo, o que provocou que tivese que ser trasladada en ambulancia a un hospital

Área portuaria de Covelo
Área portuaria de Covelo / Concello de Poio

Un traballador resultou ferido no Covelo (Poio) ao sufrir diversas queimaduras que lle provocou o estalido que se produciu nun cadro eléctrico.

O suceso rexistrouse sobre as tres da tarde, segundo informou o 112 Galicia.

Foi un particular o que alertou aos servizos de emerxencias tras escoitar a explosión.

Durante a súa chamada, esta persoa indicou que parecía tratarse dun transformador do que estaba a saír moito fume, nas escaleiras que baixaban ao peirao do Covelo.

Desde o 112 Galicia mobilizaron ao servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Ribadumia, ao GES de Sanxenxo, á Garda Civil e a Protección Civil de Poio.

Os medios que interviñeron no suceso indicaron que o lume se produciu nun cadro eléctrico, o cal ardeu por completo.

Ademais, a persoa que se atopaba traballando nel sufriu queimaduras nun brazo, o que provocou que tivese que ser trasladada a un hospital.