Ferido o condutor dun patinete eléctrico nun accidente cun turismo nunha rotonda

Pontevedra
18 de decembro 2024
Actualizado: 16:38

O sinistro tivo lugar minutos antes da unha da tarde na intersección entre Xosé Malvar e 12 de Novembro. O ferido foi trasladado ao Hospital Montecelo e a Policía Local investiga agora o sucedido

Accidente entre un patinete eléctrico e un turismo
Accidente entre un patinete eléctrico e un turismo /

 Unha persoa resultou ferida e tivo que ser trasladada ao Hospital Montecelo ao verse implicada nun accidente ao mediodía deste mércores en Pontevedra.

O sinistro sucedeu minutos antes da unha da tarde na rotonda entre as rúas Xosé Malvar e 12 de Novembro e consistiu nunha colisión entre un turismo e un patinete eléctrico. 

A persoa ferida conducía o Vehículo de Mobilidade Persoal (VMP). 

A Policía Local confirma que houbo unha colisión entre ambos os dous vehículos cando os dous estaban en movemento.

Os axentes aínda non lle puideron tomar declaración ao condutor do patinete para poder avanzar nas pescudas.

Entrevistáronse co condutor do outro vehículo e relatou que ía polo carril externo, e, segundo a súa versión, o patinete apareceu polo carril interno da rotonda

Ata o lugar dos feitos, na coñecida como zona da pasarela do tren, trasladouse a Policía Local e unha ambulancia do 061