Cinco persoas resultaron feridas nunha saída de vía rexistrada este domingo á primeira hora da mañá.
Segundo informou o 112, o accidente ocorreu ás 6:50 horas desta mañá, no quilómetro 16 da AG-41, na Autovía do Salnés, á altura do municipio de Meaño.
O particular que chamou ao 112 Galicia indicou que un vehículo caera desde unha vía a outra paralela, o que deixou varios feridos e atrapados no interior do turismo.
Desde o 112 Galicia solicitouse a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Ribadumia, do GES de Sanxenxo e da Garda Civil de Tráfico.

Foi necesario que os bombeiros empregasen o material de excarceración para liberar a dous dos implicados no accidente.
Os ocupantes do coche, un total de cinco persoas, tiveron que ser trasladados polo persoal sanitario até o hospital de referencia.
A Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 explicou que ao lugar do accidente acudiron dúas ambulancias asistenciais de SVA, tres ambulancias asistenciais de SVB e persoal sanitario do Pac de Sanxenxo.
Foron atendidos e trasladados ao Hospital Montecelo cinco pacientes, todos eles homes, un de 34 anos, outro de 35, dous de 40 e o máis novo de 26 anos.
