Ferida a copiloto dunha motocicleta nunha caída en Ribadumia

O Salnés
20 de abril 2024

Trátase dunha muller de 58 anos, veciña do Grove, que foi derivada ao Hospital do Salnés con diversas mancaduras. O piloto resultou ileso. Segundo informa o servizo de Emerxencias de Cambados, que acudía ao lugar do sinistro, o accidente producíase na Rotonda dos Castaños onde había gasoil derramado, motivo polo que se producía o derrape do vehículo

O 061 trasladou a copiloto ao Hospital do Salnés
O 061 trasladou a copiloto ao Hospital do Salnés / Servizo de Emerxencias

Unha muller de 58 anos, veciña do Grove, resultaba ferida con mancaduras de diversa consideración este sábado nun accidente que se rexistraba na Rotonda dos Castaños no municipio de Ribadumia.

A muller viaxaba de copiloto e foi trasladada por unha ambulancia do 061 ao Hospital do Salnés con dor cervical, dor costal, no brazo esquerdo e na perna esquerda.

O piloto resultaba ileso, segundo informa o servizo de Emerxencias do Concello de Cambados, que acudía ata o lugar do sinistro.

Unha vez alí comprobaron a presenza de gasoil na calzada, que ocupaba tres cuartas partes do carril exterior da glorieta. Segundo as primeiras observacións, o carburante que se atopaba nese punto foi o causante da perda de control e derrape da motocicleta.

Ata o lugar desprazábanse tamén efectivos da Garda Civil de Tráfico, Atestados, Protección Civil de Ribadumia, a ambulancia do 061 e mantemento de estradas para limpar o gasoil.