Feministas protestan pola entrega dun local a Red Madre no Edificio Azul da Xunta

Pontevedra
15 de xullo 2019

Este luns entregábanse as chaves ás 28 asociacións que ocuparán os locais de dous andares deste edificio en Benito Corbal. A Xunta garante que se tiveron en conta só criterios técnicos nas adxudicacións e o Concello rexeita que se entregue un local a unha entidade antiabortista

Protesta de representantes feministas pola concesión dun local a Red Madre / PontevedraViva
Alfonso Rueda lamenta as críticas á concesión dun local á Red Madre /

Un grupo de mulleres de colectivos feministas irrompían na tarde deste luns no rehabilitado edificio da Xunta en Benito Corbal para, ao berro de "Vergoña", amosar o seu rexeitamento á entrega dun dos locais destinados a asociacións á Red Madre.

Ao igual que xa tiña manifestado a concelleira socialista de Igualdade e Benestar Social, Paloma Castro, as representantes feministas critican que se conceda un espazo a un colectivo que se manifesta en contra do dereito ao aborto. As mulleres que protestaban no vestíbulo do edificio rehabilitado sinalaban que "no vamos a dar un paso atrás" e anunciaron que continuarán manifestando a súa oposición a esta concesión.

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, aproveitaba para lamentar as manifestacións da concelleira Paloma Castro a súa chegada ao acto de entrega de chaves a 28 asociacións que ocuparán os locais que ocuparán os locais en dous andares deste inmoble. Rueda manifestou que lle sorprendía a intransixencia dalgunhas formacións políticas:  "O feminismo parece que é só dun partido", sinalou o vicepresidente autonómico, indicando que hai que respectar a quen pensa de maneira diferente. Lembrou que Red Madre está constituída de forma e que cumpre cos requisitos para ocupar estes locais. Alfonso Rueda lamentou a falta de pluralidade por parte do Partido Socialista e amosou a súa sorpresa ante as críticas cando Red Madre, asegurou, recibíu axudas co goberno bipartito (PSOE-BNG) na Xunta de Galicia. "Cumpría co bipartito e agora non ten os requisitos para poder ter un local en Pontevedra?", preguntábase Rueda, rexeitando as "incoherencias" do goberno local, a quen reclamou que atenda a aquelas asociacións que se quedaron sen local neste edificio.

Pola súa parte, a voceira das asociacións Red Madre en Galicia, Coloma Viúdez, indicou que o seu colectivo leva 10 anos atendendo a 500 familias en Pontevedra. En 2018, afirmou, atenderon 71 casos a través dos programas asistenciais Ánxela e Nais e fillos. Lembroulle á concelleira socialista que o procedemento de adxudicación foi unha concurrencia competitiva cunhas bases e baremos claros. "Este es el régimen normal en los sistemas democráticos", apuntou e invitou a todos os representantes de partidos políticos a pasar polo novo local para coñecer o seu traballo. Por último, lembrou que a Deputación de Pontevedra, cogobernada polo PSOE e o BNG, tamén financiou o programa da Red Madre.

ENTREGA DE CHAVES

A entrega de chaves aos representantes de todos os colectivos adxudicatarios celebrouse nun ateigado salón de actos, aínda sen aire acondicionado. As asociacións que obtiveron local no edificio azul da Xunta en Pontevedra son Asociación para a loita contra
enfermidades do ril (ALCER); Rede Madre; Fundación Meniños; Asociación española contra o cáncer, Xunta provincial de Pontevedra (AACC); Fundación Amigos de Galicia; Cruz Vermella Española; Acción solidaria de Galicia; Asociación amigos e amigas do Camiño Portugués de Santiago (AACPS); Asociación montañeiros A Roelo (Aromon); Asociación sociosanitaria de enfermidades inflamatorias intestinais e ostomizados (ASSEII); Os de algures; Sete Espadelas; Asociación de diagnosticadas de cáncer de mama (Adicam); Asociación de persoas xordas de Pontevedra (APXP); Amigos de Pontevedra; Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares (ASEM Galicia); Agrupación folklórica Celme; Peña da boina; Sociedade deportiva Teucro Pontevedra; Xoga, Asociación provincial amas de casa e consumidores Rías Baixas; Confraría Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina; Asociación cultural Trepia; Ateneo Pontevedra; Asociación Jóvenes Empresarios Pontevedra (AJE PO); Asociación Oficina de voluntariado; Club Waterpolo PO; e Asociación de párkinson da provincia de Pontevedra.

O vicepresidente da Xunta indicou que as asociacións poderán ocupar estes espazos a partir do momento en que o edificio conte coa licencia de primeira ocupación e desexou que enchen de actividade as instalacións, onde tamén van situarse as oficinas de emprego, oficinas da Universidade de Vigo e tamén contará cun espazo para a Fundación Manolo Moldes, con zona de exposición de obras do artista.