Despois do despregamento da pancarta na Casa Consistorial, na que está reflectido que "o 44% dos homes cre que se chegou demasiado lonxe na promoción da igualdade (CIS, 2023). Ábrelle a porta ao feminismo", Anabel Gulías, concelleira de igualdade, explicou a mensaxe que queren lanzar con esa frase ademáis dos actos que centrarán o 8M, Día Internacional da Muller, en Pontevedra.
Nunha enquisa realizada polo CIS en 2023, "o 44% dos homes creían que as políticas de igualdade tiña chegado demasiado lonxe", indicou Gulías. Isto "nos produciu unha sensación de desazón" porque considera que "hai unha parte importante de persoas que teñen problemas co concepto do feminismo, e decidimos centrar a nosa campaña en falar del, abrirlle as portas e seguir traballando".
"O feminismo é imprescindible para mellorar a sociedade na que vivimos", por iso na campaña "interpelamos con mensaxes moi clariños e con certa retranca para chegar a eses homes que aínda cren que o feminismo chegou demasiado lonxe".
Interpelan a Santi, Luis, Rafa, Arturo, Pablo ou Bertín, explicándolles que "se dominas igual a lavadora que o equipo de música", "se xa non che fan graza os chistes machirulos", "cando lle recoñeces as boas ideas a unha compañeira", "se deitas os teus fillos mentres a túa muller vai tomar unhas cañas, "se na túa familia a que conduce é unha muller" ou "se respectas o dereito das mulleres a ir tranquilas pola rúa... Estás a abrirlle a porta ao feminimo. É chegar demasiado lonxe?".
Sobre esa mensaxe estarán vertebradas todas as actividades e actos do 8M, que comezarán o xoves 7 de marzo no Teatro Principal coa proxección e posterior coloquio sobre 'O Corno', dirixido e escrito por Jaione Camborda, que fala da maternidade desde distintos puntos de vista e onde a sorodidade xoga outro papel fundamental. O filme foi o primeiro galego e en galego en gañar a Cuncha de Ouro do Festival de Donostia e Camborda a primeira directora española en gañar este galardón.
Despois da proxección, haberá un coloquio coa directora, a especialista en Historia do Cine e xestióncultural e socia de CIMA (Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais), Elena García, e a concelleira de igualdade, Anabel Gulías.A entrada será libre e de balde ata completar aforo.
Os actos do venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, será cando teñan lugar as mobilizacións que, como cada ano, esperan que sexan "numerosas e se nos vexa divertidas, plurais, combativas e libres".
A primeira delas será ás 12:00 horas na Praza da Peregrina e está organizada pola CIG, mentres que a segunda cita, convocada polo Colectivo Feminista de Pontevedra, está prevista para as 20:30 horas. Haberá unha concentración e un percorrido polas rúas da cidade.
Este ano, ademáis, "queríamos darlle un puntiño máis para celebrar o feminismo e a onde chegamos", polo que haberá unha "festa" con música a cargo de La Yaya DJ e Señora DJ, que ambientarán o antes e o despois da manifestación.
No gallo desta conmemoración, o Concello tamén ten preparados unha serie de obradoiros nos centros educativos dirixidos ao alumnado do segundo ciclo de Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Neles falarán sobre a eliminación do machismo, sexualidade, igualdade, influencers e gamers... Porque "infelizmente seguen sendo necesarias".
ACTIVIDADES DO 8M DENTRO DO SALÓN DO LIBRO
- Luns, 4 de marzo: 18.00 horas. Espectáculo de narración oral. 'Descubrindo magas' de Raquel Queizás, no Salón de actos. Público familiar.
- Mércores, 6 de marzo: 18.00 horas. Sesión de contos e ilustración. 'Que mal día, gato Klops!' de Estefanía Padullés na Biblioteca do Salón. A partir de 6 anos.
- Xoves, 7 de marzo: 18.00 horas. Sesión de contos e música. 'O chintófano de Dorothé' de Sonsoles Penadique na Biblioteca do Salón. Público familiar.
- Venres, 8 de marzo. Celebramos (e reivindicamos) o Día da Muller:
- 17.15 horas. Obradoiro. Contas moito de Taller Abierto Reservas en info@tallerabierto.gal De 7 a 12 anos
- 17.15 horas. Obradoiro de cociña e contos. 'Máxica cociña: superheroínas con mandil' de Reviravolta Espazo Gastro. No Recinto feiral | De 4 a 10 anos Reserva anticipada en salondolibro.gal
- 17.15 horas. Obradoiro de ilustración. 'Un pouco de maxia... e a voar!' de Aida Alonso Arkandemia | A partir de 4 anos Reserva anticipada en salondolibro.gal
- 17.30 horas. Contos para bebés. 'Entre contos e cantigas Pavís Pavós' na Cova dos Libros Fantásticos | De 0 a 3 anos Reserva anticipada en salondolibro.gal
- 18.00 horas. Espectáculo de maxia. 'Fábrica de feitizos e igualdade' de A Maga Fani no Recinto feiral | Público familiar
- 19.00 horas. Obradoiro de videoxogos. Mulleres ao poder! de MUVI no Recinto feiral | A partir de 6 anos Reserva anticipada en salondolibro.gal
- 19.00 horas. Concerto. 'Máxica música' de Odaiko no Auditorio | Público familiar Entradas en Ataquilla.com | Prezo: 3 euros