Félix Juncal participa nun pleno escolar no colexio Montemogos

Bueu
05 de maio 2021

O alcalde e os concelleiros do goberno responderon ás preguntas e peticións do alumnado arredor de barreiras arquitectónicas, eliminación de plásticos ou mellora dos espazos públicos

Félix Juncal participa nun pleno escolar no colexio Montemogos
Félix Juncal participa nun pleno escolar no colexio Montemogos / Concello de Bueu

O patio exterior do CEIP Montemogos de Beluso converteuse este mércores, 5 de maio, nun salón de plenos improvisado da man do profesorado e do alumnado de 2º, 3º, 5º e 6º de primaria deste centro.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, rexentou unha sesión diferente na que o alumnado o someteu a preguntas sobre as accións e programas de goberno, as cales se comprometeu a xestionar e resolver. 

O alumnado mostrouse moi participativo e formulou cuestións relacionadas coa eliminación das barreiras arquitectónicas, tanto no colexio como na parroquia, a eliminación de plásticos e as accións relacionadas coa redución de residuos, o fomento de hábitos saudables, a ampliación das zonas de xogo, coa inclusión de elementos novos nos parques (rocódromos, porterías, canastras), a construción de carrís para bicicletas cos que se aumente a seguridade peonil e viaria, entre outros asuntos. 

Esta actividade, á que tamén asistiron Xosé Leal, concelleiro de cultura e educación, e Agustín Gallego, edil de mocidade e normalización lingüística, forma parte da programación escolar que ten como obxectivo informar ao alumnado sobre a contorna e o funcionamento da administración, ao tempo que se fomenta a participación na vida municipal. 

Neste sentido, Juncal salienta a importancia destes actos nos que a rapazada é protagonista "e nos que sentimos moitísima felicidade porque nos permite contar cunha ollada diferente e non perder o contacto coa realidade para a mellora da calidade de vida das persoas, que é o noso labor diario". O alcalde animou a todo o alumnado a seguir participando na vida pública, "a soñar sempre e a manter a ilusión e o esforzo sempre activos".

Nos últimos anos, o Concello ten organizado xa dous plenos escolares sobre igualdade, ademais de recibimentos aos diversos centros educativos da vila para dar a coñecer as actividades que se levan a cabo na casa consistorial e as tarefas administrativas. De cara ao futuro inmediato, o goberno porá en marcha os consellos da infancia e da mocidade, co fin de que se celebren plenos coma o de hoxe con certa periodicidade para que as xeracións máis novas teñan a posibilidade de exercer un papel activo na política local.