Felipe VI pide avanzar cara a sociedades "más libres y prósperas" na apertura do Foro La Toja

O Salnés
28 de setembro 2023

Como marca a tradición, o rei Felipe VI non faltou á cita e este xoves inaugurou a quinta edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, que se celebra na illa da Toxa, no Grove. Fíxoo para entregar un premio ás mulleres afgás, en recoñecemento á loita polos seus dereitos 

Felipe VI na inauguración da quinta edición do Foro La Toja
Felipe VI na inauguración da quinta edición do Foro La Toja / EFE / Lavandeira Jr.

Como marca a tradición, o rei Felipe VI non faltou á cita e este xoves inaugurou a quinta edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico, que se celebra na illa da Toxa, no Grove. 

Fíxoo no medio dunha gran expectación e tras ser recibido pola ministra de Xustiza, Pilar Llop, ou o presidente do Grupo Hotusa, Amancio López Seijas, organizador deste foro de debate ao que falta por primeira vez, debido ao seu recente falecemento, o seu impulsor, Josep Piqué.

O nome do creador deste foro figura no premio que, nesta ocasión, recaeu nas mulleres afgás, en recoñecemento á loita polos seus dereitos desde que o réxime talibán volveu facerse co control do país, limitando a participación das mulleres.

O premio recolleuno de mans do monarca a presidenta da asociación de mulleres afgás en España, Sunita Nasir, que pediu máis apoio da comunidade internacional ante a represión que viven as mulleres en Afganistán e cuxas vidas cambiaron de modo "irreversible".

"Moitas nos vimos forzadas a deixar a nosa familia, traballo e país, o que provoca un profundo sentimento de tristeza", subliñou Nasir, que reclamou máis oportunidades para que as mulleres afgás contribúan á sociedade e sexan economicamente independentes.

Na súa intervención, que iniciou dirixíndose ao público en galego, Felipe VI reivindicou o papel que debe xogar o "optimismo y confianza" como o primeiro paso para avanzar cara a unhas sociedades "más libres, integradas y prósperas".

A iso sumou a necesidade de reflexionar e apostar pola vontade de "entender distintos puntos de vista", como se mostran neste foro de encontro e debate, para contribuír a consolidar as aperturas sociais a ambos os dous lados do Atlántico.

Nesta quinta edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico abordaranse, entre outros temas, os retos da globalización, os avances da intelixencia artificial, a nova xeopolítica mundial ou o papel de España no mundo.