Ao redor dun centenar de afectados polas participacións preferentes e obrigas subordinadas pertencentes ás Plataformas de Vigo e Val Miñor protestaron dende primeira hora deste martes en Marín con motivo de entrega dos Reais Despachos aos novos oficiais que finalizan o seu curso na Escola Naval.
Estes afectados concentráronse na entrada da Alameda de Marín a escasos 20 metros da Porta principal do Recinto Militar, onde pretendían instalarse inicialmente ata que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra lles comunicou que debían cambiar de lugar "dada a coincidencia de horario e itinerario" cos actos programados.
De calquera modo a súa protesta se fixo notar no interior da Escola Naval onde era perfectamente perceptible o ruído dos seus asubíos e bucinas.
A súa protesta foi controlada por un amplo dispositivo das forzas de seguridade sen que fose necesaria a actuación policial xa que non entorpeceron en momento ningún o tráfico rodado, nin puxeron en perigo a seguridade das autoridades.
Berros de " Felipe, Letizia, queremos Justicia!", ou unha pancarta na que se lía "Príncipes axudar o voso pobo" foron algunhas das novidades que os clientes de Novagalicia Banco incorporaron este martes ás súas protestas aproveitando a presenza dos Príncipes de Asturias na Escola Naval.