A biblioteca municipal de Moraña recibiu este xoves a visita e as felicitacións do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
Felicitou a este espazo polo traballo a prol da lectura realizado e tamén polo premio que acaban de recibir, o María Moliner do Ministerio de Cultura.
Losada visitou este espazo xunto ao alcalde, José Luis Gómez; aos concelleiros Xoel Vázquez, Míriam Portas e Aberto Caldas; á responsable da biblioteca, María Luisa Ameal; e á monitora de servizos á comunidade, Cruz Magán.
O subdelegado do Goberno felicitou ao equipo responsable da biblioteca polo traballo. O centro conta cuns 5.000 volumes para os 4.000 habitantes que residen na vila.
Cunha alta taxa de préstamo, a biblioteca mantén unha importante actividade dinamizadora, recoñecida agora polo Ministerio.
O premio María Moliner de animación á lectura organízao anualmente o Ministerio en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias e busca recoñecer o traballo de 370 bibliotecas pertencentes a municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo proxectos salientables que inclúan accións de animación á lectura, de eficiencia e labor bibliotecaria. integración social e uso de novas tecnoloxías.
Cada un dos galardóns está dotado de 2.777,77 euros que deberan dedicarse á compra de novos libros ou publicacións para a biblioteca.
Ademais da biblioteca de Moraña, outras tres da provincia -Soutomaior, Tui e Pazos de Borbén- foron premiadas na última edición destes premios.