Un cento de expositores para presumir do gourmet galego nunha nova edición de Etiqueta Negra

Pontevedra
29 de outubro 2024
Actualizado: 12:22

Na feira, que se celebrará os días 9, 10 e 11 de novembro, presentaranse 20 produtos novos, máis de 90 actividades e todos os protagonistas dos sector. O prezo da entrada é de 3 euros

Presentación de Etiqueta Negra
Presentación de Etiqueta Negra / Pontevedra Viva

A oitava edición da feira Etiqueta Negra, de produto gourmet galego e innovación inspiradora, celebrarase os días 9, 10 e 11 de noviembre, no Recinto Feiral de Pontevedra

Será en horario de sábado e domingo de 11 a 21 horas e o luns de 11 a 20 horas.

É unha cita fundamental para os profesionais, tanto minoristas, tendas de produto delicatessen, coma para os distribuidores e o sector da hostalería, restauración e catering.

Entre o seu público non faltan os estudantes das escolas de restauración CEIF Carlos Oroza e da Mancomunidade do Salnés, críticos gastronómicos e investigadores pero tamén vai dirixida ao consumidor final de todas as idades, amantes e entusiastas da boa cociña e a gastonomía.

O prezo da entrada é de 3 euros e hai un abono de 5 euros para os tres días.

Haberá un centenar de expositores que presentarán 20 produtos novos, máis de 90 actividades e todos os protagonistas dos sector.

Os organizadores destacan que Etiqueta Negra constitúe unha "oportunidade única" para coñecer o conxunto da oferta de alta gama galega xa que reune a produtores e produtos nun mesmo punto de unión.

A gastronomía galega é todo un referente e xunto á industria agroalimentaria constitúe un importante motor económico. Etiqueta Negra demostra que os seus produtos son "sinónimo de calidade, tradición e autenticidade", que atesouran gran calidade artesanal, pero ao tempo son "contemporáneos e innovadores", elaborados coa mellor materia prima.

Xunto á zona expositiva, en Etiqueta Negra desenvolveranse ademais espectáculos de cociña en directo, charlas, presentacións de empresas, de produtos e de novas liñas gourmet, degustacións, demostracións, exhibicións, catas comentadas e outras moitas actividades que se van suceder durante os tres días que dura o evento.

Grandes referentes da gastronomía  daranse cita nesta oitava edición. Dúas chefs acenderán os fogóns da cociña no anfiteatro na tarde do sábado. Son Mar Orosa, do restaurante ribadense El Oviedo (ás 17 horas) e Lydia del Olmo do restaurante ourensán Ceibe, cunha Estrella Michelín (ás 18.30 horas).

O chef grovense Javier Olleros estará nesta edición de Etiqueta Negra, o domingo 10 ás 17 horas, xunto á Misión Biolóxica de Galicia, para ofrecer unha demostración de cociña en directo coa que se quere reivindicar o valor dos cultivos autóctonos e o seu uso na restauración de alta gama.

Baixo o título "Culler de Pau e a Misión Biolóxica de Galicia: ciencia, sementes e cociña" Olleros, distinguido con dúas Estrelas Michelín e unha verde elaborará tres pratos: un con avea moura, outro con nabiza e un último con flores e plantas da horta como ingredientes principais, combinando sabores tradicionais galegos cun enfoque innovador.

Ademáis, o sábado ás 13 horas, o chef Alberto Fernández, do restourante Pallabarro, poñerá en valor os produtos de proximidade nunha exhibición patrocinada por Autóctonas Gourmet.

Adrián Felípez protagonizará o showcooking con maridaxe de cervexas 1906 da tarde do luns. El é o chef-propietario do Restaurante Miga Founder Rosmon Burger. Director AF Gastroconsulting, é poñente habitual en encontros gastronómicos internacionais. Felípez vén desenvolvendo a súa carreira xunto a grandes nomes da cociña como os irmáns Roca ou Albert Sastregener en restaurantes como o Celler Can Roca, Bo.Tic ou PuntoMx.