A decisión do Goberno de non defender ante a Audiencia Nacional a prórroga concedida a Ence polo executivo de Mariano Rajoy provocou un encendido 'cara a cara' no Parlamento galego entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que lle acusa de actuar como "valedor" da empresa pasteira.
Pontón, na súa intervención ante a cámara, lembrou que a prórroga que Rajoy outorgou a Ence ata 2073 é "inmoral e ilegal" e que tan só buscaba que os accionistas da compañía "sigan gañando cartos" á conta de contaminar a ría de Pontevedra e de "poñer en risco" a saúde dos cidadáns de toda a comarca.
A dirixente nacionalista, que lembrou que o PP en 2009 e 2012 incluíu no seu programa electoral a necesidade de abordar o traslado de Ence, lamentou que a palabra de Núñez Feijóo "non valga nada" e ironizou con que "saltara como unha hidra" tras coñecer o informe da Avogacía do Estado que aprecia a ilegalidade da prórroga.
"Ence non está por riba da lei nin tampouco da vontade maioritaria de Pontevedra", explicou Ana Pontón, que asegurou que cambiar as leis para favorecer á empresa é "corrupción". Por iso, instou ao presidente galego a que "deixe de actuar como conselleiro delegado" de Ence e "lidere" o proceso de traslado.
O presidente galego, pola súa banda, tan só coincidiu coa líder do BNG en que "a ningún de nós nos gusta nada" o actual emprazamento de Ence, pero defendeu que o seu posible traslado, tras estudalo, é "inviable" polo consumo de auga e electricidade da fábrica pontevedresa ou pola súa proximidade ao porto de Marín.
Núñez Feijóo criticou a postura do Goberno de Pedro Sánchez que, ao seu xuízo, é un "grave menosprezo" a Galicia e unha "enorme frivolidade" ao poñer en perigo miles de postos de traballo e a gran parte do tecido empresarial galego. Tratouse, engadiu, dunha decisión "irresponsable" sobre a que o executivo central non deu "ningunha explicación".
Mentres non exista unha alternativa, sinalou o presidente da Xunta, "non se lle pode tomar o pelo á xente", polo que defendeu que as prioridades do goberno galego serán, por esa orde, os traballadores, os empresarios da madeira e o cumprimento da lei.