Feijóo súmase ao cambio de postura do PP sobre ENCE e abre a porta á súa continuidade na Ría

Pontevedra
15 de abril 2015

O Parlamento galego, o mesmo que aprobou un posicionamento unánime contra a continuidade de ENCE en Lourizán, foi o lugar elixido polo presidente da Xunta para realizar este anuncio. Núñez Feijóo insta a "falar do futuro" da empresa e recrimina ao BNG que desexe "pechala" cando Pontevedra é a cidade "con máis paro de Galicia"

Núñez Feijóo, nunha visita ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva
Núñez Feijóo, nunha visita ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva / Mónica Patxot

En 2009, Alberto Núñez Feijóo aseguraba que "non cabe a posibilidade de manter ENCE na ría" e que o traslado era unha "decisión persoal" súa e unha "vontade clara" do seu Goberno. Pero agora, seis anos despois e a tres de que caduque a concesión da pasteira, o Partido Popular completa un cambio de rumbo que xa avanzara unhas semanas atrás o seu candidato en Pontevedra, Jacobo Moreira.

O Parlamento galego, o mesmo que aprobou un posicionamento unánime contra a continuidade de ENCE en Lourizán, foi o lugar elixido polo presidente da Xunta para realizar este anuncio. Núñez Feijóo insta a "falar do futuro" da empresa e recrimina ao BNG que desexe "pechala" cando Pontevedra é a cidade "con máis paro de Galicia".

Foi a partir dunha pregunta do voceiro do BNG, Francisco Jorquera, na que cuestionaba sobre a evolución do PIB galego, que en 2014 se quedou un punto do debaixo da media española. "Cre que debemos protexer ou pechar a industria papeleira? ", díxolle Feijóo ao deputado nacionalista, apelando a que o seu Goberno seguirá "protexendo a industria" e dando a cara" pola comunidade.

Núñez Feijóo recordou que Galicia ten máis do 45% da masa forestal de España e que en Pontevedra, "esta industria representa o 13% do PIB e é a cidade con máis paro de Galicia, case o 29%, por enriba de Ferrol". Ademais, insinuou que o que busca o BNG é pechar a industria forestal en Galicia "para despois botarlle a culpa á Xunta".

REACCIÿNS EN PONTEVEDRA

O BNG, di Lores, é unha forza política "seria" que non cambia de posicionamento en función dos intereses "do consello de administración dunha empresa privada"

Este cambio de postura, polo menos pública, do presidente da Xunta sobre ENCE encontrou unha resposta inmediata en Pontevedra. A primeira, por parte do alcalde. Miguel Anxo Fernández Lores afirmou que para o BNG "non é unha novidade que o PP se defina claramente pola consolidación de ENCE na ría". O rexedor afirma que "nós nos fiamos dos boletíns oficiais" e a través deles, dixo, déronse numerosos pasos administrativos nesta dirección.

Fernández Lores afirmou que o anterior voceiro do PP, Telmo Martín, anunciou a súa oposición "estratéxica ou técnica" á permanencia de ENCE "porque consideraba que non tiña posibilidades de gañar" en Pontevedra apoiando a continuidade da pasteira. Fronte a isto, dixo, o BNG é unha forza política "seria" que non cambia de posicionamento en función dos intereses "do consello de administración dunha empresa privada".

Pola súa banda, o candidato do PSdeG-PSOE lamentou a "traición" de Nuñez Feijóo ao Parlamento sobre a base de "intereses empresariais", ao recordar que o acordo unánime que instaba a ENCE a abandonar a ría en 2018. "Actuan como mandados", afirmou Agustín Fernández. O socialista cre que "está claro" que a Xunta influirá no procedemento administrativo para renovar a concesión "para saltalo" e cualificou esta postura de "tomadura de pelo" os pontevedreses.

Non opina o mesmo, por suposto, Jacobo Moreira. O candidato do PP á Alcaldía explicou que, no seu día, os populares avogaban por un posible traslado pero "hoy en día no es posible". Reitera que apostan agora pola continuidade porque Pontevedra "no se puede permitir" pechar ENCE e prescindir da actividade económica que xera. "Hai quen quere pechar empresas e nós optamos por mantelas, sinalou.

Ademais, recordou que o BNG leva 16 anos no goberno municipal da cidade "y no planteó nunca una alternativa" ao proxecto empresarial da pasteira. Chegou a comparalo con Tafisa, do que dixo, ao final, "ni empleo ni terrenos". Neste sentido, Moreira afirmou que moito me temo que os nacionalistas querían "dar un uso inmobiliario" ao actual complexo industrial de Lourizán.