Feijóo sinala como exemplo de mobilidade segura ás sendas da PO-308 entre Poio e Sanxenxo

Poio
04 de xuño 2021

O presidente da Xunta percorreu este mediodía a nova senda peonil da PO-308, de máis de 8 quilómetros entre Portonovo e A Lanzada

Paseo pola senda da PO-308 entre Portonovo e A Lanzada
Paseo pola senda da PO-308 entre Portonovo e A Lanzada / David Cabezón / Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este venres a aposta do Goberno galego por unha mobilidade máis segura e sustentable, coa posta en marcha nos últimos cinco anos de 170 quilómetros de sendas integradas nas marxes das estradas.

Acompañado das conselleiras de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o titular do Goberno galego percorreu a nova senda peonil da PO-308, de máis de 8 quilómetros entre Portonovo e A Lanzada.

Feijóo referiuse a esta actuación como un exemplo máis dese compromiso, coa posta en valor dunha paraxe singular, ademais de garantir a máxima seguridade viaria no conxunto do traxecto, afastando aos peóns e aos ciclistas da estrada.

O presidente da Xunta lembrou que ademais desta senda estase a levar a cabo unha actuación integral da PO-308 que, cun investimento total de 17 millóns de euros, permitirá completar un itinerario peonil continuo desde Pontevedra ata A Lanzada pola marxe desta estrada, así como a eliminación dos treitos de concentración de accidentes.

Coas obras xa rematadas no termo municipal de Sanxenxo, Feijóo confirmou os avances nas actuacións previstas á altura do concello de Poio. Así, anunciou que a vindeira semana, comezarán os trámites para investir preto de 1,6 millóns de euros na construción dun novo treito de senda entre Combarro e Fontenla, onde ademais se reforzará a seguridade viaria.

Estes itinerarios peonís e ciclistas son actuacións cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.