O Consello da Xunta aprobou este xoves autorizar a licitación do novo edificio xudicial de Pontevedra por 20,7 millóns de euros.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo de exemplo a "colaboración" atopada no goberno local de Miguel Anxo Fernández Lores para requirir o mesmo comportamento por parte do alcalde de Vigo, Abel Caballero.
Feijóo sinalou que se licitará "de forma inmediata" o novo edificio na zona da Parda que contará con 28 unidades xudiciais en algo máis de 21.000 metros cadrados.
Deste xeito, coa licitación que acaba de autorizar o Consello, pódese dicir que xa non ten volta atrás o proceso para construír o novo edificio xudicial da Parda, que supoñerá un investimento de aproximadamente 20,7 millóns de euros, un dos maiores investimentos na comunidade destinado a unha infraestrutura xudicial.
Este novo edificio contará con máis de 21.000 metros cadrados e espazo para albergar 28 unidades xudiciais. Así mesmo, agrupará todos os xulgados dispersos agora mesmo na cidade e estará comunicado a través dunha pasarela co actual edificio xudicial, formando un único complexo.
Tal obra, como salientou Feijóo, está programada para ser executada nun prazo de 24 meses, aínda que a redución deste prazo será un dos criterios de avaliación no proceso de licitación.