O presidente do PPdeG e candidato á reelección como presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pediu este mércores en Marín o voto para o seu partido como o único que pode facer fronte a todas as "incertezas" que asoman no horizonte: as sanitarias coa ameaza da Covid-19, as da economía e o emprego e as políticas da posibilidade dun goberno galego multipartito.
Feijóo fixo unha chamada ao voto masivo ao seu partido alertando de que se goberna un multipartito de esquerdas PSOE-BNG-Galicia en Común-Marea Galeguista haberá unha "Galicia partida e repartida en partidos" e non a comunidade que el quere, que "siga traballando conxuntamente" e teña estabilidade.
Fronte a "unha Galicia fragmentada en bloques de partidos segundo ideoloxías, filias ou fobias", presenta un futuro Goberno da Xunta no que continúe sendo presidente "dun pobo que se mantén unido porque todos nos necesitamos para cumprir as normas sanitarias, para volver a recuperar os postos de traballo que perdemos e, en definitiva, o sorriso".
Ante a cita coas urnas o próximo domingo debuxa dous escenarios: certezas ou máis incógnitas, un goberno encabezado por el para seguir abordando os retos desde o mesmo día seguinte das eleccións ou frearse e ver que pasa coa "desorganización" dun multipartito.
Feijóo alertou destes perigos nun acto electoral na Finca de Briz de Marín acompañado polo vicepresidente da Xunta e presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, e da alcaldesa do municipio, María Ramallo.
Tratouse dun evento, como todos os que está a facer o partido na campaña electoral, marcado por medidas sanitarias estritas, e que tan só tivo como nota discordante a presenza no exterior dun pequeno grupo de integrantes da plataforma veciñal 'Non á ampliación da depuradora" de Os Praceres.
O acto contou con referencias específicas a Marín, un municipio no que destacou como balance da súa xestión a construción do novo centro de saúde, o acondicionamento do centro de día, as tres novas garderías, o instituto Illa de Tambo e o colexio Carballal. Ademais, asumiu o compromiso para a construción do auditorio.
Fronte ao "medo a votar" que cre que están infundindo outros partidos, Feijóo defendeu que os colexios electorais son lugares seguros, que contan coas medidas de hixiene e distanciamento necesarias, sen ningún perigo de aglomeración e con preferencia en todo momento para os maiores.
A pandemia da Covid-19 marcará de forma determinante o futuro inminente de Galicia e, ante os retos a afrontar, Feijóo pide o voto para levar adiante un proxecto cunha xestión sanitaria "seria" e na que se poida "confiar", continuando coa ampliación das infraestruturas e servizos sanitarios que destaca que o goberno da Xunta puxo en marcha nos últimos once anos e que, segundo o seu balance, permitiron responder ante a pandemia.