Feijóo confirma a ampliación da EDAR de Praceres

Pontevedra
05 de abril 2016

Máis de 15 millóns de euros. É o investimento que planea realizar a Xunta de Galicia para ampliar a estación depuradora de Praceres. Así o anunciou este martes Alberto Núñez Feijóo. É a primeira vez que o Executivo autonómico confirma de maneira rotunda este proxecto que, segundo o presidente galego, será presentado en próximas semanas

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres
Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres

Máis de 15 millóns de euros. É o investimento que planea realizar a Xunta de Galicia para ampliar a estación depuradora de Praceres. Así o anunciou este martes Alberto Núñez Feijóo. É a primeira vez que o Executivo autonómico confirma de maneira rotunda este proxecto que, segundo o presidente galego, será presentado en próximas semanas.

A preguntas de PontevedraViva, Núñez Feijóo sinalou que no ano 2016 a "prioridade" do departamento de Medio Ambiente "estará nesta ría", en alusión á de Pontevedra, "porque somos conscientes de que hai que ampliar a depuradora".

Esta infraestrutura será a máis importante dentro do plan para o saneamento integral da ría de Pontevedra, pero irá acompañada doutras actuacións que, indicou Feijóo, licitaranse nos concellos de Marín e Poio.

"En próximas semanas iremos licitando as obras e iniciándoas nos tres concellos de forma simultánea para acadar a depuración completa e integral da ría", di Feijóo

Neste sentido, o presidente da Xunta confirmou que os técnicos autonómicos están a tramitar actualmente dúas obras en Marín por valor de 4 millóns de euros e que, no caso de Poio, "só estamos pendentes da cesión do solo axeitado" por parte do goberno local para situar unha nova depuradora.

"En próximas semanas e meses iremos licitando as obras e iniciándoas nos tres concellos de forma simultánea para acadar a depuración completa e integral da ría", concluíu o presidente galego, que destacou que supoñerá "un antes e un despois" na ría pontevedresa.

A Xunta traballa, de forma paralela, na planificación de todos estes traballos que, en todo caso, preténdense iniciar antes de que termine este ano 2016. A este estudo, que acaba de licitarse, destinarase outro millón e medio de euros.

Ata agora só Ence falara abertamente da ampliación da EDAR de Praceres, chegando a comprometer un apoio económico a esta actuación. Desde o Concello, o pasado mes de xaneiro, aseguraban descoñecer os plans da Xunta para estas instalacións.