O PP, segundo Alberto Núñez Feijóo, é un partido "comprometido" con Galicia e coas súas cidades. E como non pode ser doutra maneira, Pontevedra entre elas. Así, o presidente da Xunta -candidato á reelección o próximo 25 de setembro- estivo este mércores na cidade do Lérez para avanzar os seus compromisos para o próximos catro anos.
Trátase dunha ducia de propostas que están incluídas no programa electoral co que os populares se presentan ás eleccións galegas, un "pacto por escrito cos cidadáns" que segundo Núñez Feijóo cumprirán se se manteñen ao mando do goberno autonómico, fronte a aqueles que "non sabemos con que programa gobernarían" se deben pactar entre eles.
O presidente galego destacou, nun acto celebrado na Illa das Esculturas, que o PP se presenta co "aval dos feitos" do últimos oito anos de goberno. Pero asegurou non conformarse con iso, senón que adiantou que ese traballo debe ser un "estímulo" e unha "responsabilidade" para seguir mellorando a vida dos pontevedreses.
Así, Núñez Feijóo avanzou que a Xunta comezará de forma "inmediata" coa tramitación para proceder á construción da variante de Alba, un viario que unirá a PO-531 e a N-550 á altura de San Caetano, un proxecto consensuado co Concello. Ademais, promete acondicionar a estrada entre Pontevedra, Ponte Caldelas, Cotobade e Cerdedo e construiranse 15 quilómetros de sendas ciclistas e peonís en Pontevedra, Poio e Barro.
Outra das "prioridades" dos populares no próximos catro anos sería converter as actuais estacións de autobuses e trens nun espazo intermodal. Para iso, Feijóo comprometeu unha reforma integral da vella terminal de autobuses e a construción dun túnel subterráneo que una ambas as instalacións. Tamén ofrecerá ao Concello un plan para implantar un transporte urbano que conecte a capital cos concellos da súa contorna.
En canto ao saneamento da ría de Pontevedra, o candidato do PPdeG asegurou que se dará un impulso "definitivo" para completalo coa construción dun emisario submarino, a construción da EDAR de Poio e a ampliación da EDAR de Praceres; e farase un esforzo para atraer proxectos empresariais ao polígono da Reigosa con bonificacións do 30% e prezos por baixo do mercado.
Unha nova residencia de maiores, con capacidade para 120 prazas, foi outro dos compromisos verbalizados por Alberto Núñez Feijóo na Illa das Esculturas. Asegurou que a Xunta baralla varias parcelas para a súa construción, pero ofreceuse a acordalo co goberno municipal. Ademais, habilitaranse novas prazas en centros de alzhéimer e reformaranse os colexios de Campolongo e Chancelas (Poio), o Carlos Oroza e o IES Torrente Ballester.
Xunto a proxectos xa anunciados como o novo edificio xudicial da Parda ou a remodelación integral do antigo edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal, Núñez Feijóo desvelou que o PP traballa na ampliación do CGTD coa construción dun novo pavillón destinado á práctica de ximnasia deportiva, colaborando co Concello.
O actual presidente galego concluíu lembrando a que será a aposta sanitaria "máis importante de toda Galicia" na próxima lexislatura: a ampliación de Montecelo, coa construción dun novo edificio e a centralización no complexo de toda a atención hospitalaria de Pontevedra. Feijóo reiterou que, en todo caso, o Provincial e a Casa do Mar manterán o seu uso sanitario e social.